Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Isaías 10 - Biblia SEPT


Sétimo Ai contra os xuíces inxustos (cf 5, 8-25)

1 Ai dos que impoñen prescricións de iniquidade, e dos que ó escribiren, escriben para desgraza

2 privando ós pobres do xuízo, Roubándolles a xusta sentencia ós oprimidos do meu pobo, convertendo as viúvas na súa presa e saqueando os orfos.

3 Que faredes no día das contas, e no da devastación que xa vén desde lonxe? Xunto a quen correredes a pedir socorro? Onde deixaredes as vosas riquezas?

4 Non! Teredes que axeonllarvos entre os prisioneiros e caeredes entre os asasinados. Con todo isto non se muda a súa ira, e a súa man está aínda estendida.


Ai contra Asiria pola súa soberbia

5 Ai!, Asiria, bastón da miña ira, e vara na man do meu furor.

6 Vouna mandar contra o pobo impío, e voulle dar ordes contra o pobo da miña indignación, para saquealo e para roubalo, para convertelo nun pisadoiro, coma a lama dos camiños.

7 Si, Asiria non imaxinaba a cousa así, o seu corazón non o planeaba deste xeito, pois no seu corazón estaba desolar, e arrasar non poucos pobos.

8 Así pensaba: "Non son reis cada un dos meus príncipes?

9 Non é Kalnó coma Kárkemix? Non é Hamat coma Arpad? Non é Samaría coma Damasco?

10 O mesmo que a miña man atopou os reinos dos ídolos (e iso que os seus ídolos son máis cós de Xerusalén e Samaría),

11 non puiden facerlles a Samaría e ós seus ídolos o mesmo que lles hei facer a Xerusalén e ós seus ídolos?"

12 Si, cando o meu Señor remate a súa obra no monte Sión e en Xerusalén, examinará os soberbios plans do rei de Asiria e o fachendoso orgullo dos seus ollos,

13 pois (Asiria) pensaba así: "Fíxeno coa forza da miña man e coa miña habilidade: que lista fun! Apartei as fronteiras das nacións, saqueei os seus almacéns, como un heroe afundín os seus habitantes.

14 A miña man deu, coma cun niño, coas riquezas das nacións; como quen colle ovos abandonados, eu recollín todos os países, e non houbo quen batese as ás, nin quen abrise o pico e piase".

15 Oufánase a machada ante quen corta con ela? Engrandécese a serra ante quen a move? Levanta a vara a quen a ergue a ela? Ergue o pau a aquel que non é pau?

16 Por isto o Señor Iavé dos Exércitos mandará enfraquecemento ós que El engordou. E debaixo da súa opulencia acenderá unha fornalleira, si, unha fornalleira de incendio.

17 Resultará que a Luz de Israel se converterá en incendio, e o seu Santo en chama, que queimará e devorará espiños e silvas no mesmo día,

18 que consumirá totalmente o esplendor do seu bosque e do seu verxel. Si, será coma o decaemento dun enfermo.

19 O resto das árbores do bosque será tan pequeno que un meniño as poderá cortar.


O resto de Israel volverá ó Señor

20 Sucederá no día aquel que o resto de Israel e o que queda da casa de Xacob, non volverá afiuzar no pobo que o castigaba, senón que afiuzará con firmeza no Señor, o Santo de Israel.

21 Un resto, o que queda de Xacob, volverá ó Deus Forte.

22 Aínda que o teu pobo, Israel, fose coma a area do mar, soamente un resto volverá a El. A destrución está decidida, desbordante de xustiza.

23 Si, a destrución xa se decidiu. O meu Señor, o Deus dos Exércitos, vaina facer en todo o país.


Xudá, non lle teñas medo a Asiria

24 Por isto así fala o meu Señor, Deus dos Exércitos: "Non lle teñas medo a Asiria, meu pobo, que habitas en Sión, que cunha vara en ti bate e contra ti levanta o seu pau no camiño de Exipto,

25 porque un pouco, un pouquiño máis, e acabarase o meu noxo, a miña ira pronto vai desaparecer totalmente".

26 Pero aínda mostrará o Señor dos Exércitos o seu látego espido contra el, como cando a derrota de Madián no penedo de Horeb levantará o seu bastón contra o mar no camiño de Exipto.

27 Sucederá no día aquel que retirará a súa carga do teu ombreiro, e o seu xugo de enriba da túa cerviz: romperá o xugo pola presenza do seu Nome.


Sentencia divina contra a invasión sirio-efraimita

28 Está chegando a Aiat, pasa por Migrón, e Micmax pasa revista ás súas armas;

29 cruzade polo desfiladeiro, Guebá sexa o voso cuartel de noite. Xa treme Ramah, xa foxe Guibá, a de Xaúl.

30 Entoa os teus cantos de xúbilo, filla de Galim, escoita, Laixah. Responde, Anatot.

31 Xa escapou Madmenah, os habitantes de Guebim xa están a seguro.

32 Hoxe mesmo paran en Nob, move a súa man cara ó monte da filla de Sión, cara ó outeiro de Xerusalén.

33 Velaí o Señor Deus dos Exércitos: vai cortar as pólas con furor; as pólas do curuto xa están partidas; as máis altas caen;

34 A espesura do bosque vai ser sacudida co ferro, e o Líbano co seu esplendor caerá.

Lean sinn:



Sanasan