Isaías 1 - Biblia SEPTTítulo 1 Visións que Isaías, fillo de Amós, viu acerca de Xudá e de Xerusalén, nos días de Ozías, de Iotam, de Acaz e de Ezequías, reis de Xudá. Proceso de revisión da fidelidade de Xudá 2 Escoita, ceo! Oe, terra! Ollade, que fala o Señor: "Engrandecín fillos, si, fíxenos grandes, pero eles rebeláronse contra min. 3 Coñece o boi ó seu novo dono; e o burro, o cortello do seu amo: Israel non me coñece, o meu pobo non ten xuízo". 4 Ai, xente pecadenta, pobo cangado de iniquidade, semente de pervertedores, fillos de corrompidos! Deixaron o Señor, refugaron o Santo de Israel, volvéronlle as costas. 5 Aínda que sempre se vos estivese castigando, aumentariades a vosa rebeldía. Toda a cabeza é unha enfermidade! Agoniza de todo o corazón! 6 Desde a planta do pé ata a cabeza non hai nel nada bo: feridas, mágoas e golpes sanguinolentos; nin os espremeron, nin os vendaron, nin os aliviaron con unturas. 7 A vosa capital é unha desolación, as vosas cidades, brasas acesas. As vosas terras devóranas diante de vós os estranxeiros. Que desolación!, que destrución a dos estranxeiros! 8 Velaí queda senlleira a filla de Sión. Velaí se esconde entre a viña. Velaí dorme no cabazal. Velaí a cidade asediada. 9 Se o Señor Todopoderoso non quedase connosco, que resto tan pequeno seriamos! Seriamos coma Sodoma, asemellariámonos a Gomorra. Rexeitamento do culto concreto e esixencias de Deus 10 Acollede as palabras do Señor, xefes de Sodoma. Prestade atención á lei do noso Deus, pobo de Gomorra. 11 "Para que preciso eu os vosos moitos sacrificios? —di o Señor. Estou farto dos holocaustos dos vosos carneiros, e do sebo dos vosos cebóns: non me gusta o sangue dos vosos becerros, carneiros e chibos. 12 Entrades a contemplar a miña presenza, pero quen vos pediu que pisedes o meu sagrado? 13 Non sigades traendo ofrendas vas: o seu fume é abominación para min. Non luxedes a xuntanza na festa da Lúa Nova e no sábado, que non soporto a iniquidade e a opresión. 14 Aborrezo as vosas Lúas Novas e as vosas festas; son na miña presenza unha carga; xa estou cansado de soportala. 15 Si, cando alongades as vosas palmas, tapo os ollos para non vos ver. Cando, a forza de berros, aumentades a vosa oración, non son eu quen vos escoita. As vosas mans están cheas de sangue. 16 Lavádevos, purificádevos, apartade dos meus ollos a ruindade dos vosos feitos. Deixade de berrar. 17 Aprendede a facer o ben, buscade a xustiza encamiñade ó avergonzado, facédelle xustiza ó orfo, defendede a viúva. 18 Agora vinde acá, e razoemos xuntos —di o Señor: Aínda que os vosos pecados fosen coma o granate, coma a neve branquexarán; aínda que fosen vermellos coma o carmesí, coma lá se volverán. 19 Se vos convertedes e facedes caso, comeredes do mellor da terra. 20 Pero se non queredes e resistides, coa espada seredes comidos. Ollade que fala a boca do Señor. Xuízo purificador contra a cidade infiel 21 Por que se volve prostituta a cidade que foi fiel? Estaba chea de xuízo, a xustiza habitou nela, mais agora habítana os asasinos. 22 As túas moedas de prata volvéronse ferruxe, augáronse as túas bebidas. 23 Os teus xefes volvéronse rebeldes. Os teus compañeiros, un fato de ladróns. Pola calada aman o suborno, mira como corren tralos regalos; ó orfo non lle fan xustiza, e o preito da viúva non chega onda eles. 24 É oráculo do Señor Todopoderoso, o Forte de Israel: Ai, voume vingar dos meus contrarios, vou castigar os meus inimigos! 25 Vou volver a miña man contra ti, purificarei como platino a túa escoura, e quitareiche toda a ganga impura. 26 Volverei os teus xuíces coma no principio, volverei os teus conselleiros coma antes. Despois de suceder isto, chamaráseche cidade da xustiza, chamaráseche cidade fiel". Redención de Sión 27 Sión será redimida con xusto xuízo, con xustiza o Señor farao vir. 28 Libertará os transgresores, e os pecadores alegraranse, pero os que abandonan ó Señor perecerán. Castigo dos cultos naturalistas 29 Avergonzarédesvos polas árbores que tanto queriades, poñerédesvos rubios polos xardíns que tanto vos gustan. 30 Abofé que seredes coma o terebinto ó que lle cae a folla, e coma xardín que non ten auga. 31 Velaquí, o valente vólvese estopa, e a súa soldada hase volver muxica: arderán os dous xuntos, e non haberá quen apague. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)