Hebreos 9 - Biblia SEPTFalta de eficacia do culto antigo 1 Pois tamén a primeira alianza tiña as súas normas para o culto e para o seu santuario, que soamente era terrestre. 2 De feito, construíuse unha tenda — santuario, a primeira, onde estaban o candelabro, a mesa e mais os pans ofrendados; chámase o Santo. 3 Despois da segunda cortina está a tenda chamada Santísimo, 4 co altar de ouro para o incenso e a arca da alianza cuberta de ouro por todos os lados; nela había unha caixa de ouro co maná, a vara reverdecida de Aharón e mais as táboas da alianza. 5 Enriba da arca, os querubíns da Gloria, que cubrían coa súa sombra o lugar da expiación. Pero non hai agora por que seguir falando destas cousas con detalle. 6 Estando todo isto construído deste xeito, na primeira tenda entran a miúdo os sacerdotes, para celebraren o culto. 7 Pero na segunda, soamente o Sumo Sacerdote, unha vez cada ano, el só, levando sangue, para o ofrecer por si mesmo e polos pecados de descoido do pobo. 8 Con iso quere mostrar o Espírito Santo que, mentres a primeira tenda estea en pé, aínda non está aberto o camiño para o santuario. 9 Todo isto é un símbolo que se ten que aplicar ó momento actual, pois ofrécense dons e sacrificios, que non son capaces de facer perfecto na súa conciencia a quen practica este culto; 10 soamente teñen poder de purificar en relación con certas comidas, bebidas e diferentes lavatorios: todas elas normas exteriores impostas ata o momento da reforma. O sacrificio de Cristo, eficaz e definitivo 11 Pero ó presentarse Cristo coma Sumo Sacerdote dos auténticos bens, entrando a través dunha tenda — santuario maior e máis perfecta, non de feitío humano, isto é, non deste mundo, 12 e ofrendando o seu propio sangue, non o sangue de carneiros ou de becerros, entrou dunha vez para sempre no santuario e, deste xeito, conseguiu unha redención definitiva. 13 Se o sangue de carneiros e de touros e a cinsa dunha xovenca asperxida polos impuros consagra estes, dándolles unha pureza corporal, 14 moito máis o sangue de Cristo (que movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, coma vítima sen mancha) limpará a nosa conciencia das obras de morte, para así servirmos o Deus vivo. A Nova Alianza 15 Por iso é mediador dunha nova alianza, xa que morreu para redimir dos pecados cometidos baixo a primeira alianza, a fin de que os que están chamados á herdanza eterna, poidan recibir o cumprimento desta promesa. 16 Porque onde hai un testamento é preciso presentar probas da morte do testador; 17 xa que o testamento é firme soamente en caso de morte, porque mentres viva o testador o testamento non é firme. 18 Por iso nin sequera a primeira alianza se ten renovado sen sangue, 19 pois Moisés, logo que lle leu a todo o pobo os preceptos que se conteñen na Lei, colleu o sangue dos becerros xunto con auga, con lá rubia e mais con hisopo e asperxeu no libro e na xente toda, 20 dicindo: "Este é o sangue da alianza que Deus pactou convosco". 21 Tamén asperxeu con sangue, de forma semellante, na tenda — santuario e mais en todos os utensilios do culto. 22 Conforme á Lei case todo se purifica con sangue e sen verter sangue non hai perdón. 23 Porque se foi preciso que os anticipos das realidades celestiais se purificasen con estes ritos, as realidades celestiais mesmas hanse de purificar con sacrificios ben máis poderosos ca estes. A entrada no ceo 24 Pois o Mesías non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón que entrou no ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso; 25 e non para repetir moitas veces o seu propio sacrificio, como fai o Sumo Sacerdote, que entra cada ano no santuario levando sangue alleo, 26 porque, se así for, debería ter sufrido moitas veces desde a creación do mundo; pero a verdade é que agora dunha vez para sempre, no derradeiro dos períodos da historia, co sacrificio de si mesmo, quedou a disposición de todos para acabar co pecado. 27 O mesmo que o destino de todo home é morrer unha vez só e, despois xa da morte, vén o xuízo, 28 Así tamén Cristo, unha vez que se ofrendou para quitar os pecados, volverá a aparecerlles por segunda vez, xa sen ter que ver co pecado, para salvar os que o están agardando con ansia. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)