Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Hebreos 8 - Biblia SEPT


Sumo Sacerdote perfecto, consumado, consagrado

1 Isto é o máis importante de todo o que imos dicindo: que temos un Sumo Sacerdote de tal categoría que tomou posesión do seu trono no ceo á dereita do trono da Maxestade,

2 ó mesmo tempo que oficiou coma sacerdote no santuario e na tenda verdadeira, que erixiu o Señor, non un home.

3 Xa que todo Sumo Sacerdote se constitúe para ofrecer dons e sacrificios; por iso cumpría que el tivese algo que poder ofrecer.

4 Pois se a súa ofrenda fose terreal, nin sequera el sería sacerdote, habendo como hai os que lexitimamente ofrendan dons.

5 Aínda que estes dan culto a un asomo, a unha sombra das realidades celestes, conforme ó que se lle revelou a Moisés cando estaba para construír a tenda — santuario: "Olla que has de facer todo, segundo o exemplo que se che mostrou no monte".

6 Pero, de feito, ó noso Sumo Sacerdote tocoulle unha liturxia tanto máis importante canto máis poderosa é a alianza da que é mediador, xa que esta alianza está legalmente establecida apoiada en promesas de máis valía.


Defectos da Antiga Alianza e substitución pola Nova

7 Pois, se aquela primeira alianza fose sen falla, xa non habería lugar para unha segunda.

8 Porque Deus, reprendéndoos, dilles: Vede que virán días —di o Señor— nos que establecerei coa casa de Israel e coa casa de Xudá unha alianza nova;

9 non coma a alianza que fixen con seus pais, cando os collín pola man, para os sacar de Exipto: porque eles non permaneceron fieis á miña alianza, e tamén eu me desentendín deles, di o Señor.

10 Pois esta é a alianza que pactarei coa casa de Israel, cando cheguen aqueles días di o Señor: cando dea as miñas leis, héillelas escribir nos seus corazóns e nas súas mentes. Eu serei para eles o seu Deus e eles serán para min o meu pobo.

11 Xa ninguén terá que ensinar ó seu veciño nin cadaquén ó seu irmán, dicíndolle: "Recoñece ó Señor"; porque hanme coñecer todos eles, desde o máis pequeno ó máis grande,

12 xa que estarei disposto a perdoarlles as súas maldades, e xa non me lembrarei máis dos seus pecados.

13 O chamarlle Deus nova a esta alianza, deixou anticuada a primeira; ora, o anticuado e avellado está próximo a desaparecer.

Lean sinn:



Sanasan