Hebreos 6 - Biblia SEPT1 Por iso, deixando as primeiras nocións acerca de Cristo, pasemos xa ós conceptos que son propios dos adultos, sen volvermos botar os alicerces doutrinais: o arrepentimento das obras mortas, a fe en Deus, 2 o ensino acerca dos baños sacros e mais da imposición de mans, a resurrección dos mortos e o xuízo final. 3 Isto xustamente faremos, se Deus o permite. 4 Porque os que unha vez foron iluminados, os que lle colleron gusto ó don celestial e tiveron parte no Espírito Santo que se lles deu; 5 os que probaron o saborosa que é a palabra de Deus e mais os poderes do mundo que virá; 6 estes, se apostatan, é imposible que se renoven co arrepentimento, xa que polo que a eles toca seguen crucificando o Fillo de Deus e escarnecéndoo publicamente. 7 Pásalles igual ca unha terra que se enchoupa con chuvias frecuentes e que lles dá unha boa herba ós que a traballan: recibe parte da bendición que Deus manda; 8 pero, se non bota máis ca espiños e cardos, entón non serve: está a piques de ser maldita e acabará na queima. 9 Pero, aínda que falamos así, meus amigos, polo que a vós toca, estamos convencidos do mellor e do que leva á salvación; 10 pois Deus non é inxusto como para que lle esqueza o voso traballo e o amor que lle mostrabades cando serviades (e seguides aínda servindo) o seu pobo santo por mor del. 11 Pero, con todo, nós queremos que cada un de vós demostre o mesmo ardor en levar a súa esperanza ata a fartura final, 12 de xeito que non sexades nugalláns, senón que imitedes ós que, con fe e paciencia, son herdeiros das promesas. Promesa e xuramento de Deus 13 Porque cando Deus fixo a promesa a Abraham, en vistas de que non tiña outro máis grande por quen xurar, 14 xurou por si dicindo: "Abofé, heite bendicir con abundancia e heite aumentar sen taxa". 15 E deste xeito Abraham, agardando con paciencia, conseguiu a promesa. 16 Os homes xuran sempre por quen é superior a eles; e o xuramento, por ser unha garantía, marca a fin de calquera litixio. 17 Por iso, xa que Deus lles quería demostrar ben ás claras ós herdeiros da promesa o inmutable que era a súa decisión, comprometeuse con xuramento. 18 Deste xeito, por dous feitos inmutables de Deus, nos que é imposible que minta, temos unha forte consolación os que buscamos agarimo en podermos apreixar os bens prometidos que esperamos. 19 Estes bens son para nós coma unha áncora de salvación, segura e firme, que penetra ata o outro lado do veo: 20 Ata onde, para o noso ben, penetrou Xesús, coma adiantado, unha vez constituído Sumo Sacerdote para sempre á maneira de Melquisedec. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)