Hebreos 5 - Biblia SEPT1 Pois todo Sumo Sacerdote escóllese sempre entre os homes e se constitúe Sumo Sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e sacrificios polos pecados. 2 É capaz de tratar con indulxencia os ignorantes e os descamiñados, porque tamén el está rodeado de fraquezas. 3 Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos pecados do pobo coma polos seus propios pecados. 4 Ora, ninguén pode coller en por si este honor, senón que hai que ser chamado por Deus, como foi chamado Aharón. 5 Do mesmo xeito, tampouco Cristo non procurou a súa gloria facéndose Sumo Sacerdote, senón que lla procurou o que lle dixo: "Ti es o meu Fillo, hoxe xereite Eu". 6 Entendido conforme o que di noutro sitio: "Ti es sacerdote para sempre, á maneira de Melquisedec". 7 El, nos días da súa vida mortal, a fortes gritos e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa submisión. 8 Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; 9 e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse en causa de salvación eterna, para todos os que lle obedecen, 10 ó mesmo tempo que Deus o proclamou Sacerdote á maneira de Melquisedec. SUMO SACERDOTE DUN NOVO CULTO Preámbulo: exhortación 11 Disto aínda temos que dicirvos moito e é difícil facérvolo comprender, porque vos volvestes nugalláns para escoitardes. 12 E iso que polo tempo que levades, xa tiñades que ser mestres, pero aínda necesitades que alguén vos ensine os primeiros rudimentos dos oráculos de Deus; volvedes precisar leite e non mantenza sólida. 13 Pois todo aquel que "está a leite", descoñece as razóns da esperanza cristiá, porque é un meniño; 14 en troques, a mantenza sólida é para xente grande, que ten o sentido xa afeito polo costume e é capaz de distinguir o bo do malo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)