Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Hebreos 4 - Biblia SEPT

1 Andemos logo, con moito tino, non sexa que, aínda que Deus mantén firme a promesa de entrar no seu acougo, algún de vós corra o risco de chegar tarde.

2 Porque esta promesa anúnciasenos a nós do mesmo xeito ca a eles, pero a eles non lles valeu de nada oír a promesa, que non se xuntaron cos que a oíron con fe.

3 Pero nós, os que cremos, entramos no acougo do que falan estas verbas: "Por iso xurei, cheo de carraxe: endexamais non entrarán no meu acougo!" Ora, o seu traballo está concluído desde a creación do mundo,

4 pois, nalgún sitio fálase así do sétimo día: "E o sétimo día descansou Deus de todo o seu traballo".

5 E, con todo, no lugar citado vólvese dicir: "Endexamais non entrarán no meu acougo".

6 De acordo con isto, se Deus deixa a algúns entrar no seu acougo e se os que primeiro recibiron a promesa non entraron por falta de fe,

7 é que El, moito tempo despois, volve marcar un día, un hoxe, cando di no texto xa citado de David: "Se hoxe oídes a súa voz, non endurezades o corazón".

8 Certo que, se Xosué os fixese entrar no acougo, xa non precisaría Deus falar doutro acougo despois disto.

9 Logo, quédalle aínda unha invitación ó acougo ó pobo de Deus,

10 porque quen entrou no acougo de Deus descansa dos seus traballos, o mesmo que Deus descansou tamén dos seus.

11 Collamos a peito o entrar neste acougo, de xeito que ninguén caia nunha rebeldía coma aquela.

12 Collámolo a peito, xa que a palabra de Deus é viva e dinámica, máis cortante do que unha espada de dobre fío e que penetra mesmo alí onde se diferencian a alma e o espírito, as xuntas e a medula. Ela xulga os proxectos e os pensamentos.

13 Non hai cousa que se lle esconda, todo está nu e penetrable ós seus ollos: é a ela a quen lle temos de dar contas.

14 Pois logo, xa que temos un gran Sumo Sacerdote que xa penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñamos a esperanza que profesamos.


Xesús, Sumo Sacerdote misericordioso

15 Pois así é: nós non temos un Sumo Sacerdote que non se poida compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado.

16 Acheguémonos, con liberdade ó trono da graza, para conseguirmos misericordia e atoparmos graza para unha axuda no seu debido tempo.

Lean sinn:



Sanasan