Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Hebreos 3 - Biblia SEPT


SUMO SACERDOTE QUE SE DOÍA DUN E DE QUEN UN SE PODÍA FIAR Fiarse de Moisés e fiarse de Xesús

1 Por iso, meus sagrados irmáns, que tedes parte na mesma chamada celeste, atendede ó pregoeiro e Sumo Sacerdote da fe e da esperanza que profesamos, Xesús.

2 El merécelle fe ó que o puxo, coma a Moisés, á fronte de toda a súa familia.

3 Porque Xesús ten ben merecida unha gloria tanto máis grande cá de Moisés, canto ten máis honor o que constrúe unha casa do que a casa mesma:

4 porque toda casa ten un construtor, pero o que constrúe todo é Deus.

5 Ora, Moisés mereceu confianza coma criado, para poder testemuñar a toda a casa o que lle foran dicindo;

6 pero Cristo mereceu a confianza coma Fillo e sobre a súa propia casa: casa del somos nós, se nos mantemos achegados a Deus na liberdade e se nos prezamos do que esperamos.


Chamada á fidelidade para entrar no acougo de Deus

7 Por isto, fala o Espírito Santo: "Se hoxe oídes a súa voz,

8 non endurezades o voso corazón, coma cando vos rebelastes, coma o día da proba no deserto,

9 cando vosos pais me tentaron, para veren onde chegaba, aínda que xa viran os meus feitos

10 durante corenta anos: por isto me deu noxo aquela xente, e dixen: o corazón ándalles sempre descarreirado, non se deron conta do meu comportamento;

11 por iso xurei cheo de carraxe: endexamais non entrarán no meu acougo!"

12 Ollade, irmáns, non sexa que algún de vós teña un ruín e incrédulo corazón, que o aparte do Deus vivo;

13 vós, en troques, alentádevos uns ós outros día tras día, mentres se pregoa este hoxe, de xeito que ningún de vós se deixe endurecer, engaiolado polo pecado.

14 Porque seguimos sendo compañeiros de Cristo, sempre que manteñamos firme ata a fin a confianza absoluta de cando comezamos.

15 Xa que se nos di: "Se hoxe oídes a súa voz, non endurezades o voso corazón, coma cando vos rebelastes".

16 Pero quen foron os que se rebelaron, cando oíron? Acaso non foron todos os que, grazas a Moisés, saíron de Exipto?

17 Quen foron os que lle deron noxo a Deus durante corenta anos? Acaso non foron os que por pecar caeron mortos no deserto?

18 E a quen lles xurou que non entrarían no seu acougo, senón ós que se rebelaran?

19 E vemos que non puideron entrar por falta de fe.

Lean sinn:



Sanasan