Hebreos 2 - Biblia SEPTPalabras de ánimo 1 Por isto temos que poñer toda a atención ó que un día oímos, non sexa que andemos á deriva. 2 Pois se a Lei ditada por anxos foi valedoira, de xeito que toda transgresión e desobediencia a ela recibiu xusto castigo, 3 de que xeito nós fuxiremos do castigo, se descoidamos salvación de tanta valía? Porque esta salvación tivo principio na predicación do Señor e confirmáronnola despois os que a escoitaron, 4 ó mesmo tempo que Deus acompañaba o seu testemuño con prodixiosos sinais e con milagres de varios xeitos e cos dons do Espírito Santo repartidos conforme a súa vontade. Irmán dos homes 5 Porque non someteu ós anxos ese futuro mundo celeste do que falamos. 6 Nalgunha parte o testemuña alguén, cando di: "Quen é o home para que te lembres del, ou a raza humana para que mires por ela? 7 Só o rebaixaches un chisco con respecto ós anxos, coroáchelo de gloria e dignidade: 8 todo llo sometiches a el". O dicir que lle someteu todo, non puido deixar nada sen lle someter. Certo que agora aínda non vemos que todo estea sometido ó home; 9 con todo, xa vemos que aquel que "rebaixaron só un chisco con respecto ós anxos", Xesús, por aguantar os padecementos da súa morte, está coroado de gloria e dignidade. Deste xeito, a súa morte foi unha bendición de Deus para todo home. 10 Efectivamente, conviña que Aquel para quen e por quen todo existe, se quería levar moitos fillos á gloria, levase á máxima perfección por medio do sufrimento o que ía ir á cabeza dos que se salvarían; 11 pois o consagrante e os consagrados teñen que ser todos da mesma liñaxe. Por isto non se avergonza de lles chamar irmáns, 12 cando di: "Pregoarei ante os meus irmáns o ben que fixeches, no medio da nosa asemblea heiche de cantar cántigas". 13 E noutro sitio di: "Nel poñerei toda a miña confianza", e aínda máis: "Aquí estamos: eu e mais os fillos que Deus me deu". 14 Por isto, xa que os fillos participan todos da mesma carne e do mesmo sangue, tamén El participou igualmente da carne e do sangue, para que coa súa morte puidese deixar sen forzas o que retiña o poder da morte, isto é, Satán; 15 e deste xeito, librar a cantos por medo á morte pasaban a vida nunha escravitude. 16 Porque está claro que a quen lles vén botar unha man, non é ós anxos, senón ós fillos de Abraham. 17 Por iso tiña que asemellarse ós seus irmáns en todo, para deste xeito poder ser Sumo Sacerdote, que se doia de nós e de quen un se poida fiar nas cousas que se refiren a Deus e así poida expiar os pecados do seu pobo; 18 porque el xa pasou a proba de sufrimento, pode axudar ós que agora se atopan na proba. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)