Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Hebreos 13 - Biblia SEPT


Actitudes cristiás

1 Que o amor e trato de bos irmáns se conserve entre vós.

2 Que non vos esqueza darlles pousada ós forasteiros, xa que, grazas a isto, algúns, sen se decataren, déronlles pousada ós mesmos anxos.

3 Mirade polos que están presos, coma se vós mesmos estivésedes presos con eles; e mirade polos que padecen malos tratos, coma se vós mesmos vivísedes no corpo deles.

4 O matrimonio é merecente de todos os respectos e o leito matrimonial ten que ser inmaculado, xa que Deus ha condenar os desvergonzados e adúlteros.

5 Que o voso comportamento sexa desinteresado: contentádevos co que tedes, que El ten dito: "Non te deixarei nin te desampararei."

6 De xeito que, cheos de confianza, podemos dicir: "Teño no Señor o meu abeiro: por iso non teño medo, total que me vai poder facer un home?"


Verdadeira vida cristiá

7 Mirade polos vosos dirixentes, que vos anunciaron a Palabra de Deus; imitade a súa fe; que non vos esqueza de que xeito morreron.

8 Xesús Cristo é o mesmo onte e hoxe e será o mesmo sempre.

9 Por iso, non vos deixedes levar de complicadas e alleas doutrinas, que sempre é preferible que se fortalezan as vosas conviccións coa graza e non con normas sobre comidas, das que non sacaron proveito ningún os que as cumpriron.

10 Nós temos un altar do que non teñen dereito a comer os que dan culto no templo.

11 Porque o mesmo que se queiman fóra do campamento os cadáveres dos animais dos que os sacerdotes levan o sangue dentro do Santuario para faceren a expiación polos pecados,

12 do mesmo xeito tamén Xesús morreu fóra das portas para consagrar o pobo co seu sangue.

13 Saiamos, logo, para fóra do campamento para nos atoparmos con el, levando nós a súa aldraxe.

14 Como non temos aquí cidade que dure, andamos á procura da futura.

15 Por medio de Xesús ofrezamos decote a Deus un sacrificio de loanza, quere dicir, a homenaxe dos beizos que bendín o nome de Deus.

16 E que non vos esqueza mirar uns polo ben dos outros, que eses son os sacrificios que lle agradan a Deus.

17 Facédelles caso e sometédevos ós vosos dirixentes, que eles se desvelan pensando en vós. Xa que teñen que dar contas de vós, que as dean con alegría e non xemendo, que estes xemidos non vos farían ben ningún.

18 Rezade por nós. Estamos convencidos de que temos a conciencia limpa, posto que queremos portarnos decentemente en todo.

19 Pero insisto en que o fagades para que eu volva a estar convosco canto antes.


Conclusión epistolar

20 Que o Deus da paz, que por mor do sangue dunha alianza eterna sacou de entre os mortos ó gran Pastor do rabaño, o noso Señor Xesús,

21 vos encha de todo ben, para que cumprades súa vontade. Así El realizará en vós o que lle agrada por medio de Xesús Cristo, a quen sexa a gloria polos séculos. Amén.

22 Pídovos, irmáns, que aguantedes este sermón de conforto, xa que volo mando resumido.

23 Sabede que saíu do cárcere Timoteo, o voso irmán; se chega logo, ireivos ver con el.

24 Dádelles saúdos a todos os vosos directores e a todo o pobo santo. Os de Italia mándanvos saúdos.

25 Que a graza vos acompañe a todos vós.

Lean sinn:



Sanasan