Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Hebreos 12 - Biblia SEPT


SEGUNDA SECCIÓN: A CONSTANCIA NECESARIA Chamada á constancia

1 Polo tanto, xa que nos vemos cercados arredor por unha tal nube de testemuñas, deixando enteiramente a un lado todo o que nos estorba e o pecado que tan facilmente se nos apega, corramos con aguante a carreira que temos por diante,

2 co ollo posto en Xesús, o primeiro guía que leva á perfección a nosa fe. Porque el, sen lles dar importancia ás aldraxes, soportou a cruz por mor da ledicia que o agardaba e desde entón está sentado á dereita do trono de Deus.

3 Meditade, polo tanto, naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores para non esmorecerdes nin cansardes.


Motivos de ánimo

4 Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado

5 e xa vos esqueceu aquela recomendación de Deus, que vos fala como se lles fala ós fillos: "Meu fillo, non despreces o castigo do Señor nin esmorezas cando El che rife;

6 porque o Señor, a quen lle quere ben, castígao, e azouta a todo aquel que recoñece por fillo".

7 Aguantade o sufrimento coma un castigo educativo: é Deus que vos trata coma fillos. Porque, quen é o fillo a quen seu pai non o castiga?

8 Se quedades sen castigo, do que todos temos a nosa parte, será que sodes bastardos, non fillos.

9 Aínda máis, nosos pais terrestres eran os que nos castigaban e con todo respectabámolos. E logo non nos habemos de someter con moita máis razón ó Pai do espírito, para podermos vivir?

10 Aqueles castigaban uns poucos días, conforme o que eles entendían: pero Deus castiga como cómpre, para que participemos da súa santidade.

11 Ningún castigo resulta agradable de momento senón triste; pero co tempo ós que están exercitados nel págalles co froito pacífico da xustiza.

12 Por iso, entesade as vosas mans sen forzas e os vosos xeonllos trementes

13 e poñede os vosos pés en vieiros dereitos para que a perna coxa non escorde, senón que máis ben cure.


POLO VIEIRO DEREITO ÓS FROITOS DA XUSTIZA Cómpre estar atentos pois vivimos na etapa final

14 Procurade de todos os xeitos a paz entre todos vós e mais a vosa santificación, xa que sen ela ninguén poderá ver o Señor.

15 Tede moito coidado de que ningún quede sen o favor de Deus, de que ningunha raíz velenosa agromada dane e contaxie a comunidade.

16 Que ninguén, polos seus pareceres, venda o máis sagrado, coma Esaú que por un simple xantar vendeu os seus dereitos de primoxénito;

17 vós sabedes que despois, por máis que quixo herdar a bendición, non se considerou que fose merecente dela e non a houbo para el, aínda que a pediu con bágoas e todo.

18 Non estades diante dun monte que se poida apalpar nin dun lume ardente nin dunha nube negra e borrascosa nin dunha tormenta

19 nin diante do bucinazo dunha trompeta nin do boureo dunhas palabras coma as que escoitaron aqueles que, ó sentilas, pediron que non lles falase máis;

20 porque non podían co que se lles estaba mandando: "Quen toque o monte, aínda que sexa un animal, morrerá acantazado".

21 Tan sublime era a aparición que o mesmo Moisés dixo: "Estou abraiado e tremendo".

22 Vós, en cambio, estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo, da Xerusalén celeste; diante de milleiros de anxos, da asemblea

23 en festa dos primoxénitos censados no ceo, e diante de Deus, xuíz de todos, e das ánimas dos xustos que xa chegaron á súa perfección,

24 e diante de Xesús, mediador da Nova Alianza, e diante do sangue da aspersión, que clama máis forte có de Abel.

25 Tede coidado de non rexeitar a quen vos está falando, que se aqueles non deron fuxido do castigo por rexeitaren a quen os instruía aquí na terra, moito menos poderemos nós fuxir do castigo, se lle volvemos as costas a quen nos instrúe desde o ceo!

26 A súa voz entón fixo tremer a terra, pero agora quen pode falar prometeu: "a derradeira vez farei tremer non só a terra, senón tamén o ceo".

27 A expresión a derradeira vez quere dicir "a abolición do que, por ser cousa creada, é provisional" de xeito que quede o que é definitivo.

28 Por iso, xa que recibimos un reino definitivo, esteámoslle agradecidos a Deus, servíndoo como lle agrada a El con reverencia e respecto,

29 xa que o noso Deus é lume devorador.

Lean sinn:



Sanasan