Hebreos 1 - Biblia SEPTEXORDIO: A revelación por medio do Fillo de Deus 1 En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados ós nosos devanceiros por medio dos profetas. 2 Agora, neste período definitivo, falounos por medio dun que lle é Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades. 3 El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén todas as cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realizar a purificación dos pecados, sentouse á destra da Maxestade nas alturas, 4 facéndose tanto máis poderoso cós anxos, canto que herdou un título máis valioso có deles. TITULO MÁIS VALIOSO CO DOS ANXOS Fillo de Deus 5 Porque a cal dos anxos lle dixo algunha vez: "Ti es o meu fillo, hoxe xereite eu"; ou tamén: "Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo?". 6 E outra vez máis, cando fala de introducir o Fillo primoxénito no mundo celeste, di: "Adóreno todos os anxos de Deus". 7 E, por outra parte, dos anxos di: "O que fai dos seus anxos ventos, e dos seus ministros, chispas". 8 Do Fillo, en troques: "O teu trono, meu Deus, permanece para sempre" e tamén: "Cetro de rectitude é o teu cetro de Rei. 9 Amaches a xustiza e aborreciches a iniquidade; por iso Deus, o teu Deus, preferiute ós teus compañeiros, unxíndote con perfumes de festa". 10 E outra vez di así: "Ti, Señor, nos comezos cimentaches a terra, feitura das túas mans é o ceo, 11 todo iso perecerá, pero ti permaneces: todo se volverá vello coma un vestido, 12 daraslle a volta, coma se fose unha capa, e cambiarase coma se fose un vestido. Pero Ti es sempre o mesmo, os teus anos non acabarán". 13 E, a cal dos anxos lle dixo algunha vez: "Senta á miña dereita, ata que Eu faga dos teus inimigos un estrado para os teus pés"? 14 Que outra cousa son todos eles, se non espíritos que están ó servizo del, para que os mande en axuda dos que han herdar a salvación? |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)