Habacuc 3 - Biblia SEPTORACIÓN DO PROFETA NA LITURXIA DE LAMENTACIÓN COLECTIVA 1 Oración do profeta Habacuc na ocasión das lamentacións. 2 Señor, oín o teu renome; venerei, Señor, as túas obras. No decurso dos anos fainas revivir, móstraas no decorrer dos tempos; na ira lémbrate da misericordia. Himno 3 Deus vén de Temán; o Santo, do monte Parán. A súa maxestade cobre o ceo, e a terra está chea da súa loanza. 4 O seu brillo é coma a luz, raios de luz saen da súa man. Si, aquí está o segredo da súa forza! 5 Diante del vai a Peste, e a Febre segue as súas pisadas. 6 Levántase El e estremece a terra, olla El e tremen os pobos, féndense as antigas montañas, afúndense os outeiros eternos. Os seus camiños permanecen para sempre. 7 Pola maldade vin axitarse as tendas de Cuxán, tremer de medo o país de Madián. 8 É a ira do Señor a que arde contra os ríos? Si, contra os ríos a túa cólera. Si, contra o mar o teu furor, cando a salvación monta nos teus carros e cabalos. 9 Sacas o teu arco, farto de frechas, ó falares. Arar a terra cos ríos; 10 ó vérente, danzan os montes, pasa unha tromba de auga, e o Abismo lanza a súa voz, o sol levanta ó alto as súas mans, 11 A lúa detén a súa carroza; as túas frechas superan a luz; o escintilar da túa lanza, o resplandor. 12 Con ira fas a túa marcha a través da terra, con furor esmagas as nacións. 13 Saes á campaña para salvar o teu pobo, para salvar o teu Unxido. Esmágaslle a cabeza á familia do impío, íspeslle os alicerces ata o penedo. 14 Atravesaches cos seus propios dardos a cabeza dos xefes, que se lanzaban a dispersarnos. Alegrábanse coma se fosen devorar a un pobre no seu refuxio. 15 Ti pisaches o mar cos teus cabalos, ti, que fas ferver as augas abondosas. 16 Oíno, e estremecéronseme as entrañas; co fragor tremeron os meus labios, a carie penetra nos meus ósos, debaixo de min cambalean os meus pasos. Espero quedo o día da angustia, cando se erga contra o pobo que nos ataca. 17 Velaí a figueira: non florece; e non hai colleita nas viñas, falta a froita da oliveira, e o campo non produce alimento, desaparecen as reses do curral, e non hai gando nas cortes. 18 Pero eu exultarei co Señor, reloucarei co Deus da miña Salvación. 19 Iavé, o meu Señor, é a miña forza, dáme pés de gacela, e faime camiñar sobre as alturas. "Do mestre de coro. Para instrumentos de corda". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)