Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Habacuc 2 - Biblia SEPT


ORÁCULO DE RESPOSTA DIVINA: O XUSTO VIVIRÁ POLA SÚA FE

1 Seguirei de pé no meu posto de sentinela, permanecerei ergueito sobre a muralla, e espreitarei desde o alto, para ver o que me di, o que responde ó meu interrogante.

2 Respondeume o Señor e díxome: Escribe a visión e grávaa en taboíñas, para que se lea de corrido,

3 pois aínda volverá ser unha visión no seu momento, falará da fin e non mentirá. Se tarda, espéraa, pois virá e non demorará.

4 Velaí: o temerario faise forte, o seu alento camiña con el, pero o xusto vivirá pola súa fe.

5 Velaí: a riqueza é traidora, o varón soberbio non terá éxito, el, que anchea a súa gorxa coma o Xeol, e é coma a Morte que non farta, recada para xunto a si todos os pobos, amorea ó seu lado todas as nacións.


Serie de maldicións, en contexto cúltico de lamentación colectiva

6 Logo non lle entoarán todos estes un proverbio, non entoarán sátiras e epigramas contra el? Dirán: —Ai do que xunta o que non é seu! —ata que día?— e do que carga sobre si fianzas!

7 Non se levantarán de repente os teus acredores, e non espertarán os teus opresores? Non serás para eles unha presa fácil?

8 Xa que ti saqueaches pobos numerosos, todo o resto dos pobos te saquearán a ti, por causa do sangue que vertiches, pola túa violencia contra o país, contra a cidade e todos os seus habitantes.

9 Ai do que amorea ganancias inxustas para a súa casa!, para pó-lo seu niño máis alto, para librarse da man da desgraza.

10 Vergonza foi o que ti decidiches para a túa casa, abatendo a pobos numerosos, si, pecaches contra ti mesmo.

11 A pedra clamará desde a parede, a trabe responderalle desde o teito.

12 Ai do que constrúe unha cidade con sangue, e do que fundamenta unha fortaleza no crime!

13 Non é vontade do Señor dos Exércitos, que os pobos traballen para o lume, e que as nacións cansen en van.

14 Pois toda a terra coñecerá a gloria do Señor, como as augas enchen o mar.

15 Ai do que lles dá de beber ós veciños, mesturándolles droga na bebida, emborrachándoos para lles ver as súas vergonzas.

16 Fartácheste de ignominia máis ca de gloria; bebe ti tamén, e mostra o teu prepucio! A copa da dereita do Señor volverase contra ti, e a ignominia volverase contra a túa gloria.

17 A túa violencia contra o Líbano caerá sobre ti, e a matanza de animais baixará sobre ti, por causa do sangue que vertiches, pola túa violencia contra o país, contra a cidade e todos os seus habitantes.

18 Que vale unha imaxe esculpida? É obra do seu artista. Que vale unha imaxe de metal? É un oráculo de mentira. Confía nela o artista que a esculpiu, facendo deuses mudos.

19 Ai do que lle di á madeira: "esperta", e á pedra: "levántate"! O silencio é o seu oráculo. Óllao aí amarrado con ouro e prata, pero ningún alento hai no seu peito.

20 O contrario, o Señor está no seu santo templo: Silencio ante a súa presenza, terra toda!

Lean sinn:



Sanasan