Habacuc 1 - Biblia SEPTTítulo 1 Oráculo que en visión lle foi encargado ó profeta Habacuc. ORACIÓN DE LAMENTACIÓN POLA INXUSTIZA EN XUDÁ 2 Ata que día, Señor, hei de estar pedindo auxilio, sen que ti fagas caso? Ata que día clamarei cara a ti: "Violencia", sen que salves? 3 Por que me fas ver a iniquidade e me fas contemplar o crime? Rapina e violencia diante de min: hai rifas e suscítase a disputa. 4 Por iso o fallo xudicial desvirtúase e a sentencia non sae con esplendor. Si, o ruín asedia ó xusto; por iso o veredicto sae pervertido. Oráculo de resposta divina: os caldeos, instrumentos do castigo de Deus 5 Ollade para os pobos e observade ben, estarrecede, asombrádevos, que nos vosos días vou realizar unha obra: non a creriades se volo contasen. 6 Si, ollade que eu vou suscitar os caldeos, pobo violento e rapidísimo, que vai percorrer as anchuras da terra, para apoderarse dos lugares que non son seus. 7 É terrible e temible, non recoñece máis có seu dereito e a súa grandeza. 8 Os seus cabalos son máis áxiles cás panteras, máis mordedores cós lobos da tarde. Os seus cabalos galopan, si, os seus cabaleiros veñen de lonxe, voan coma a aguia que se lanza a pico para devorar. 9 Todos eles veñen para causar violencia, o ardor das súas caras é coma o vento soán: amorea cativos coma area. 10 Si, búrlase dos reis, os príncipes son o seu riso. Rise de todas as prazas fortes; fai terrapléns e apodérase delas. 11 Logo cámbialle o aire e vaise. (É culpable, pois converteu a propia forza no seu deus). Oración de lamentación colectiva: a inxustiza, cobiza e opresión dos caldeos contra as nacións 12 Non es ti, desde os tempos antigos? Non es ti o meu Deus, o meu Santo que non morre? Ti, Señor, puxéchelo por executor da sentencia, Ti, Penedo firme, establecíchelo para castigar. 13 Os teus ollos son demasiado puros como para ver o mal, non podes contemplar a opresión. Por que contemplas os traidores, e quedas calado, cando o malvado devora a quen é máis xusto ca el? 14 Tratas a humanidade coma ós peixes do mar, coma ós vermes que non teñen quen mande neles. 15 El levanta a toda a humanidade co anzol, érgueos para arriba coa súa rede, e xúntaos na súa cesta: velaí como se alegra e danza. 16 Velaí como ofrece sacrificios á súa rede; e incenso, á súa cesta, pois con elas está ben engraxada a súa ración, e a súa comida, con carne exquisita. 17 Seguirá baleirando constantemente a súa rede, asasinando pobos sen compaixón? |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)