Gálatas 3 - Biblia SEPTPARTE DOGMÁTICA A xustificación vén pola fe e non polas obras 1 E a vós, gálatas sen xuízo, de Cristo crucificado non se vos escribira xa antes? Seica vos botaron o mal de ollo? 2 Só quero que me digades se recibistes o Espírito por terdes cumprido coa Lei ou pola predicación da fe. 3 E logo sodes tan tarabeleiros que, principiando no Espírito, vindes rematar agora no máis baixo? 4 Seica experimentastes cousas tan grandes para nada? Daquela sería inútil, e mais ben! 5 Quen vos concede o Espírito e anda a facer milagres entre vós faino porque cumprides coa Lei ou porque obedecestes á fe? O caso de Abraham: a fe é o que conta 6 Non vedes como Abraham fiou en Deus e iso valeulle a xustificación? 7 Recoñecédeme, logo, que os que viven da fe, eses son os fillos de Abraham. 8 E a Escritura, previndo que Deus había xustificar os non xudeus, anuncioulle xa con tempo a Abraham: En ti han ser benditas todas as razas. 9 De xeito que os que viven da fe son benditos xunto con Abraham, o crente. 10 En cambio todos os que viven das obras da Lei están baixo maldición. Porque está escrito: Malia quen non se ateña a todo o que está escrito no libro da Lei para que se cumpra. 11 Ora, que ninguén se pode xustificar diante de Deus grazas á Lei, está visto: porque o que é xusto pola fe, vivirá. 12 Mais a Lei non procede da fe, senón que quen cumpra eses preceptos vivirá por eles. 13 Cristo rescatounos da maldición da Lei, facéndosenos El mesmo maldición polo noso ben (lembrade que está escrito: Malia quen está pendurado dun pau), 14 para que en Cristo Xesús vos chegase ós non xudeus a bendición de Abraham e para que, por medio da fe, recibísemos o Espírito prometido. Primeiro prometeuse a salvación e despois veu a Lei 15 Irmáns, vouvos poñer un caso da nosa vida: nun testamento, con tal que estea outorgado como é debido, ninguén engade nin quita nada; iso que é cousa dun home. 16 Ben, pois a Abraham e mais á descendencia del fixéronselle as promesas. Mais a Escritura non di ós seus descendentes, como se fosen moitos, senón ó seu descendente; coma quen di a un só, que é Cristo. 17 E digo eu: un testamento que xa foi outorgado en condicións por Deus, non o vai invalidar a Lei (que veu de alí a catrocentos trinta anos), ata o punto de cancelar a promesa. 18 Pois, se a herdanza viñese da Lei, xa non viría da promesa. Non obstante, Deus concedeu o seu favor a Abraham en forma de promesa. Valor provisorio da Lei 19 A que vén, logo, a Lei? A Lei engadiuse para nos facer ver os pecados mentres non viña o descendente, para quen se fixera a promesa; e promulgouse por medio dos anxos, por man dun mediador. 20 Ora, non pode haber mediador dun só: e Deus é único. 21 Logo é que a Lei vén estar contra as promesas de Deus? Nin moito menos. Certo que, se nos desen unha Lei capaz de nos acadar a vida, a xustificación viría realmente da Lei. 22 Mais a Escritura pinta todo encadeado polo pecado, de maneira que a promesa se lles cumpra ós que cren en Xesús Cristo mediante a fe. 23 Pero antes que a fe chegase, estabamos todos baixo a Lei, agardando a fe que había ser revelada. 24 Por iso a Lei foi a que nos levou a Cristo (coma un criado que leva o meniño á escola) para que logo fósemos xustificados pola fe. 25 Por iso, de que chegou a fe, deixamos de estar baixo a tutela do criado. 26 Todos vós sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús, 27 porque ós que vos bautizaron en Cristo, vestíronvos de Cristo. 28 E todo iso de xudeus e gregos; de escravos e libres, de homes e mulleres, todo iso acabou, pois sodes coma un só en Cristo Xesús. 29 Vós, pola vosa condición de cristiáns, sodes a "descendencia" de Abraham, herdeiros conforme a promesa. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)