Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Gálatas 1 - Biblia SEPT


ENCABEZAMENTO

1 Paulo, nomeado apóstolo non por homes nin por encomenda humana, senón por encomenda de Xesús Cristo e de Deus Pai, que o resucitou de entre os mortos,

2 e mais os irmáns todos que están comigo, ás igrexas de Galacia:

3 Desexámosvos a graza e a paz que veñen de Deus, Pai noso, e mais do noso Señor, Xesús Cristo,

4 quen, conforme ó plan do noso Deus e Pai, se entregou polos nosos pecados, para nos arrincar deste mundo ruín en que vivimos.

5 Que el sexa eternamente glorificado. Amén!


PARTE APOLOXÉTICO - HISTÓRICA Non hai máis Evanxeo ca un

6 Chámame moito a atención que así, tan correndiño, desertedes de quen chamou por vós á graza de Cristo, para vos facerdes doutro evanxeo.

7 Non hai esoutro evanxeo! O que hai e que algúns vos andan a quentar a cabeza coa idea de lle dar outro xeito ó Evanxeo de Cristo.

8 Pois mirade: Malia quen vos predique un evanxeo para engadir ó que vos temos predicado, aínda que fósemos nós mesmos ou un anxo baixado do ceo!

9 E volvo dicir o mesmo que vos dixen: a quen vos vaia cun evanxeo para engadir ó que recibistes, botádeo fóra!

10 Que! Intento eu agora quedar ben cos homes ou con Deus? Ou é que loito por compracer ós homes? Se a estas alturas aínda estivese procurando compracer ós homes, non sería un servo de Cristo.


PAULO DEFENDE A SÚA AUTORIDADE E A SÚA DOUTRINA Porque o manda Cristo en persoa

11 Porque fágovos saber, irmáns, que o Evanxeo que eu predico non é cousa de homes,

12 xa que nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús Cristo.

13 Si: vós tedes oído falar das miñas andanzas de cando estaba no xudaísmo; do furor con que dera en perseguir ala Igrexa de Deus;

14 e de como adiantaba eu no xudaísmo máis ca moitos da miña raza e do meu tempo, porque era moito máis fanático das tradicións dos meus devanceiros.

15 Mais cando a Aquel, que xa desde o seo da miña nai me puxera á parte e chamou por min pola súa graza,

16 lle prougo revelarme o seu Fillo, para que volo predicase ós non xudeus, eu sen lle pedir consellos á carne nin ó sangue,

17 sen tan sequera subir a Xerusalén onda os que en ser apóstolos xa me levaban anos, de hoxe para mañá, retireime á Arabia, de onde volvín de novo a Damasco.

18 De alí a tres anos subín a Xerusalén para ir coñecer a Pedro e cabo del fiquei uns quince días.

19 E non vin a ningún apóstolo máis, fóra de Santiago, o parente do Señor.

20 Así Deus me salve, como nos vos minto nisto que vos escribo!

21 Despois chegueime ás terras de Siria e Cilicia.

22 Ora, as comunidades cristiás de Xudea non chegaron a coñecerme de vista;

23 só sentiran dicir: "Disque o que antes nos perseguía, agora predica a fe que asoballaba";

24 e, por isto meu, glorificaban a Deus.

Lean sinn:



Sanasan