Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Filipenses 4 - Biblia SEPT

1 Polo tanto, meus irmáns tan queridos e por quen sinto saudades, miña alegría e coroa, seguide así firmes no Señor, queridiños!


CONSELLOS Levarse ben

2 Recoméndolles a Evodia e mais a Síntique que se entendan, como cristiás que son.

3 E tamén a ti, meu leal compañeiro de traballo, pídoche que lles botes unha man: que elas loitaron canda min polo Evanxeo xunto con Clemenzo e outros colaboradores meus que teñen o seu nome no Libro da Vida.


Estar alegres

4 Estade sempre alegres no Señor. Repítovolo: estade alegres.

5 Que todo o mundo vexa o bos que sodes. O Señor está a chegar.

6 Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de grazas.

7 E a paz de Deus, que supera toda intelixencia, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.


Solidarizarse con todo o bo

8 Do resto, meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, todo o que sexa xusto, todo o que sexa enxebre, todo o que sexa estimable, todo o que sexa honroso, calquera virtude ou mérito que haxa, iso é o que debedes estimar.

9 O que aprendestes, recibistes, oístes e vistes en min, iso é o que tedes que levar á práctica. E o Deus da paz irá convosco.


Agradecemento

10 Moito me alegrei no Señor de que por fin abrollase o voso interese por min. Ter xa o tiñades, pero non tiñades a ocasión de o manifestar.

11 Non volo digo pola miña pobreza, que eu aprendín a gobernarme nas situacións en que estea.

12 Hoxe sei vivir na miseria e na fartura. En calquera situación estou ensinado para estar farto e para pasar fame; para ter de abondo e para non ter nada.

13 Teño forzas para todo grazas a quen me fai forte.

14 Mesmo así, fixestes ben en tomardes coma vosa a miña dificultade.

15 Vós, os de Filipos, sabedes tamén que de que saín de Macedonia, no comezo da evanxelización, ningunha Igrexa tivo comigo nada que anotar no libro de ingresos e gastos, fóra de vós: os únicos.

16 Porque xa a Tesalónica me mandarades máis dunha vez algo para as miñas necesidades.

17 Non é que eu ande á pedicha do agasallo; procuro tan só que os intereses se acugulen na vosa conta.

18 Acuso recibo de todo e teño de abondo. Quedei ben provisto ó recibir de Epafrodito o que viña de vosa parte, agradable recendo, sacrificio aceptable e que prace a Deus.

19 O meu Deus, pola súa parte, cubrirá todas as vosas necesidades, conforme a súa riqueza con magnificencia en Cristo Xesús.

20 Gloria a Deus, noso Pai, polos séculos dos séculos. Amén.


Lembranzas e remate

21 Moitos saúdos a todos os crentes en Cristo Xesús. Recordos dos irmáns que están comigo.

22 Mándanvos un saúdo todos os consagrados e, en especial, os que están ó servizo do César.

23 A graza do Señor Xesús Cristo vaia convosco. Amén.

Lean sinn:



Sanasan