Filipenses 3 - Biblia SEPTATAQUE DOS XUDAIZANTES O ideal que propoñen fora o de Paulo 1 Do resto, meus irmáns, estade alegres no Señor. Repetirvos o dito noutras ocasións a min non me custa e a vós dávos seguranza. 2 Ollo ós cans! Ollo ós obreiros de moita parola e pouco traballo! Ollo á falsa circuncisión! 3 Porque a circuncisión verdadeira, esa sómola nós, que, impulsados polo Espírito, damos culto a Deus e poñemos a nosa gloria en Cristo Xesús, sen confiarmos en criterios externos. 4 Anque, por confiar, eu tiña de que confiar, incluso en criterios externos. Se alguén coida que el ten de que confiar conforme eses criterios, eu teño máis: 5 circuncisión ós oito días; do pobo de Israel; da tribo de Benxamín, nacido e criado hebreo; en canto á Lei, fariseo; 6 en canto a celo, perseguidor da Igrexa; en canto á xustiza que manda a Lei, home sen tacha. Pero renunciou a el 7 Mais todo o que daquela era para min un proveito, estimeino, por causa de Cristo, unha perda. 8 Máis aínda, todo me parece perda comparado co grande que é coñecer a Cristo Xesús, o meu Señor. Por El tirei con todo e doulle tanto valor coma ó lixo con tal de gañar a Cristo 9 e de vivir nel; non por ter unha xustiza miña propia por cumprir a Lei, senón pola xustiza que se recibe coma resposta á fe. 10 Así podereino coñecer a El, experimentar a forza da súa resurrección e solidarizarme cos seus sufrimentos, reproducindo en min a súa morte, 11 para ver de chegar eu tamén á resurrección dos mortos. 12 Non é que eu xa chegase á meta nin que xa teña chegado á perfección. Non. Eu aínda vou correndo, a ver se a alcanzo, xa que tamén eu fun alcanzado por Cristo Xesús. 13 Irmáns, eu non boto de conta que a teña alcanzado. Velaquí o único que fago: esquezo o que quedou atrás, lánzome cara ó que está diante, 14 bulo para pillar o premio ó que Deus desde arriba nos convoca en Cristo Xesús. 15 Todos os perfectos, polo tanto, pensamos así. E se nalgún punto pensades doutro xeito, Deus hávolo esclarecer. 16 Fóra disto, a onde queira que teñamos chegado, sigamos na mesma liña. Seguir o exemplo de Paulo 17 Irmáns, seguide todos o meu exemplo e reparade nos que camiñan conforme o modelo que tedes de nós. 18 É que moitos dos que xa vos teño falado e agora falo a chorar pórtanse coma inimigos da cruz de Cristo. 19 Esa xente vai acabar na perdición; o Deus dela é o bandullo; o orgullo dela está na vergonza: xente que só se interesa polas cousas terreais. 20 Pero a nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor. 21 El ha transformar o noso pobre corpo, reproducindo en nós a gloria do seu propio corpo con ese poder que lle permite someter incluso o mesmo universo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)