Filipenses 2 - Biblia SEPTEvitar os bandos 1 Así que, se vale de algo o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai sentimentos en vós de agarimo e misericordia, 2 facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea. 3 Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el. 4 Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros. O exemplo de Cristo 5 Tede entre vós a mesma actitude de Cristo Xesús. 6 El, con ser de condición divina, non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus; 7 senón que se espiu do seu rango, asumiu a condición de escravo; fíxose un home normal e presentouse coma tal 8 Abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, e a morte na cruz! 9 Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo e lle concedeu un título que está por riba de calquera título 10 para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo no ceo, na terra e mais no abismo, 11 e para que toda lingua proclame para gloria de Deus Pai que Xesús Cristo é o Señor. Traballar pola salvación 12 De maneira que, meus amigos, igual que sempre me fixestes caso, traballade con temor e tremor pola vosa salvación non só na miña presenza, senón moito máis agora na miña ausencia. 13 Deus efectivamente é quen activa en vós tanto o querer coma o facer, conforme o seu bondadoso designio. 14 Facede todas as cousas sen rosmar nin discutir, 15 para serdes sen chata e sinxelos, "fillos de Deus sen mancha no medio dunha xente raposeira e atravesada", onde vós relucides coma fachos no universo, 16 presentando a palabra da vida. Dese xeito o día de Cristo eu voume poder gabar de que nin corrín ás toas nin me cansei en balde. 17 Mais, aínda que verta o meu sangue coma libación nun sacrificio ó servizo da vosa fe, estou alegre e asóciome á vosa alegría. 18 Pois vós, igual: estádeme alegres e unídevos á miña alegría. Timoteo 19 Coa axuda do Señor Xesús espérovos mandar axiña a Timoteo, para me animar eu tamén recibindo noticias vosas; 20 que non teño ninguén coma el que mire lealmente polas vosas cousas; 21 que todos andan á súa comenencia, non á de Xesús Cristo. 22 En cambio el, xa sabemos ben como é: que se puxo comigo ó servizo do Evanxeo, coma un fillo co seu pai. 23 Así que, nada máis ver eu claramente que é o que vai ser de min, vóuvolo mandar. 24 Mesmo así, espero no Señor ir eu tamén axiña. Epafrodito 25 Por outra parte, coidei que cumpría mandarvos de volta a Epafrodito, irmán, colaborador e camarada meu, que vós me mandastes para atenderme na miña necesidade. 26 El tiña morriña de todos vós e andaba amolado porque chegastes a saber da súa doenza. 27 Pois enfermou e mesmo houbo de morrer. Pero Deus tivo dó del. Vaia, non só del, senón de min tamén, para que non me viñese unha desgraza enriba da outra. 28 Así que volo mando ben axiña, para que, ó velo, volvades a estar alegres e eu me sinta máis acougado. 29 Recibídeo, logo, no Señor con toda alegría e estimade a homes coma el, 30 que estivo a piques de morrer pola causa de Cristo, arriscando a súa vida para me prestar na vosa ausencia os servizos que vós non me podiades prestar. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)