Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Filipenses 1 - Biblia SEPT


Encabezamento

1 Paulo e Timoteo, servidores de Xesús Cristo, a todos os crentes en Cristo Xesús que vivides en Filipos e mais ós vosos encargados e diáconos

2 desexámosvos a graza e paz de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.


Paulo está satisfeito dos de Filipos

3 Doulle grazas ó meu Deus por todo o que me acorda de vós.

4 Sempre que rezo por vós, fágoo con alegría,

5 pola parte que vides tomando na difusión do Evanxeo desde o primeiro día ata hoxe.

6 Eu fío en que o que encetou en vós un traballo bo, halle de ir dando cabo de aquí ó día de Cristo Xesús.

7 E é xusto que eu pense así, porque vos levo no corazón; a vós, que tanto que eu estea preso como que estea a defender e a afiuzar o Evanxeo, participades todos na graza da miña misión.

8 Ben sabe Deus con que morriña cristiá vos boto a faltar aquí!

9 E na miña oración pido que o voso amor reborde de penetración e de sensibilidade para todo:

10 Así poderedes acertar co mellor para chegardes enxebres e sen chata ó día de Cristo Xesús,

11 e cheos do froito da xustiza que se consegue por medio de Xesús Cristo para gloria e loanza de Deus.


Situación persoal de Paulo

12 Quero que saibades, irmáns, que o que me está a pasar, máis ben aproveitou ó espallamento do Evanxeo.

13 Porque na residencia do gobernador e nos outros sitios todo o mundo sabe que estou preso por ser cristián,

14 e a maior parte dos irmáns, ó colleren da miña prisión azos para confiar no Señor, métense moito máis a anunciar a palabra de Deus sen medo.

15 Hai, de certo, algúns que predican a Cristo por meteren envexa e por me faceren a competencia. Pero outros fano á boa fe.

16 Estes, porque me queren e saben que eu estou posto para a defensa do Evanxeo;

17 Aqueles anuncian a Cristo á retesía, con mala intención, coa idea de me faceren máis amolado o meu encadeamento.

18 Pero que máis ten? O importante é que, dunha maneira ou da outra, con retranca ou sen ela, vaise anunciando a Cristo: e diso alégrome. Máis aínda: continuarei alegrándome,

19 porque sei ben que, grazas ás vosas oracións e ó Espírito de Xesús Cristo que me patrocina, "todo me ha de ser para ben".

20 Esta é a miña arela e a miña esperanza: que en nada vou saír fracasado, senón que, con toda seguridade, agora coma sempre, manifestarase a grandeza de Cristo na miña persoa, tanto que eu siga vivindo como que morra.


Esperanza de que o ceiben

21 Porque para min a vida é Cristo; e morrer, unha ganancia.

22 Ora, como vivir neste mundo me permite traballar con proveito, non sei o que escoller.

23 As dúas cousas tiran por min: quería morrer para estar con Cristo, pois era moitísimo mellor.

24 Mesmo así, por vós, cómpre que eu fique neste mundo;

25 e así coido que vou ficar e seguir onda vós, para axudar a que adiantedes alegres na fe,

26 A fin de que o orgullo de serdes cristiáns reborde xa por causa miña, coa miña presenza outra vez cabo de vós.


A loita pola fe

27 Unha cousa só: mirade de vos comportar conforme ó Evanxeo de Cristo, para que, tanto que vos vaia ver coma que quede lonxe, eu sinta falar de que vos mantedes firmes nun mesmo espírito e que, todos de acordo, loitades xuntos pola fe do Evanxeo,

28 sen vos deixardes acovardar polos que vos fan a contra: cousa que para eles é un sinal de condenación e para vós é de salvación; e todo por obra de Deus.

29 Porque a vós, por Cristo, concedéusevos o privilexio, non só de crerdes nel, senón tamén de padecerdes por El,

30 enlizados como estades na mesma loita en que me vistes a min e na que agora sabedes de oídas que aínda ando metido.

Lean sinn:



Sanasan