Filemón 1 - Biblia SEPT1 Paulo, preso por Cristo Xesús, e mais o irmán Timoteo saudámoste a ti, o noso querido amigo e colaborador Filemón, 2 e saudamos tamén a irmá Apia, o noso camarada Arquipo e á comunidade que se xunta na túa casa. 3 Desexámosvos a alegría e a paz de Deus, o noso Pai, e do Señor Xesús Cristo. 4 Doulle grazas decote ó meu Deus, ó me lembrar de ti nas miñas oracións, 5 porque oio falar do amor e da fidelidade que tes ó Señor Xesús e a todos os membros do pobo santo. 6 Pido que a solidariedade da túa fe se poña en marcha, ó comprenderes que todo o ben que temos é para Cristo. 7 Alegroume e animoume moito a túa caridade, meu irmán: grazas a ti o pobo santo está máis confortado. 8 Por iso, aínda que teña liberdade en Cristo para che mandar o que veña ó caso, 9 cádrame máis pedircho, apelando á túa caridade. Así, sen máis título que ser eu Paulo, un vello que agora está preso por Cristo Xesús: 10 pídoche por Onésimo, o meu fillo, que xerei estando na cadea. 11 En tempos foiche inútil, mais agora vai ser un verdadeiro "Onésimo", é dicir, útil para ti e para min tamén. 12 Velaí cho mando. Velaí che vai unha parte de min. Recíbeo! 13 Pensei en me quedar con el, para que me axudase no teu lugar, mentres estou preso polo Evanxeo. 14 Pero non quixen facer nada sen contar co teu consentimento, para que non fagas este ben á forza, senón porque che sae de dentro. 15 Igual por iso marchou de onda ti algún tempo: a fin de que agora o recuperes para sempre, 16 non xa coma escravo, senón coma algo máis ca escravo: coma un irmán benquerido. Para min é moi querido; moito máis o vai ser para ti, coma home e coma cristián! 17 Así que se me consideras un amigo, acólleo coma a min. 18 Se en algo te prexudicou ou se algo che debe, pono na miña conta. 19 Eu, Paulo, firmo co meu puño e letra: pagareino eu. Iso para non falar de que ti mesmo te me debes. 20 Anda, irmán; que eu saque algo de ti no Señor. Tranquilízate ti coma cristián. 21 Escríboche fiando en que me vas facer caso e sabendo que has de facer máis do que che eu digo. 22 Ai, e vaime preparando onde parar, que, grazas ás vosas oracións, ides ter o regalo de que eu vaia aí. 23 Recordos de Epafras, o meu compañeiro de cadea, en Cristo Xesús. 24 Saúdos dos meus colaboradores: Marcos, Aristarco, Dimas e Lucas. 25 A graza do Señor Xesús Cristo sexa convosco! |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)