Feitos 9 - Biblia SEPTConversión de Saulo 1 Saulo, respirando aínda ameazas e morte contra os discípulos do Señor, presentouse ó Sumo Sacerdote 2 e pediulle cartas para as sinagogas de Damasco, a fin de que, se encontraba algúns que fosen deste novo camiño, tanto homes coma mulleres, os puidese levar presos a Xerusalén. 3 De camiño, cerca xa de Damasco, aconteceu que, de súpeto, unha luz do ceo o envolveu co seu fulgor. 4 Caeu no chan e sentiu unha voz que lle dicía: —Xaúl, Xaúl, por que me persegues? 5 El preguntou: Quen es ti, Señor? Contestoulle: Eu son Xesús a quen ti persegues. 6 Pero érguete, entra na cidade, e xa se che dirá o que tes que facer. 7 Os compañeiros de viaxe quedaron parados, abraiados: sentían a voz, mais non vían ninguén. 8 Saulo ergueuse do chan, pero, malia ter os ollos abertos, non vía nadiña. Levárono pola man, introducírono en Damasco. 9 Alí botou tres días sen ver, sen comer e sen beber. 10 Había en Damasco un discípulo, chamado Ananías, e o Señor díxolle nunha visión: Ananías! El respondeu: Aquí estou, Señor. O Señor volveulle falar: 11 Vai á rúa Dereita, e procura na casa de Xudas a un home chamado Saulo de Tarso, que está orando. 12 (En visión, viu Saulo a un home chamado Ananías entrar e impoñerlle as mans para que recobrase a vista). 13 Ananías respondeu: Señor, teño oído falar moito dese home e do mal que lles ten feito ós teus santos en Xerusalén. 14 E aquí ten poderes dos xefes dos sacerdotes, para prender a todos os que invocan o teu nome. 15 Pero o Señor díxolle: Vai, que ese home é un instrumento escollido por min, para levar o meu nome diante dos pagáns, dos seus reis e mais dos israelitas. 16 Heille mostrar o que ten que sufrir polo meu nome! 17 Entón Ananías, poñéndose en camiño, entrou na casa, e impoñéndolle as mans, díxolle: Irmán Saulo, quen me manda é o Señor Xesús, que se che apareceu cando viñas polo camiño, para que recobres a vista e te enchas do Espírito Santo. 18 No instante, caéronlle dos ollos como unhas escamas e recuperou a vista; ergueuse, e bautizouse. 19 Despois comeu e volvéronlle as forzas. Pasou algúns días cos discípulos de Damasco, Saulo en Damasco 20 e axiña comezou a predicar a Xesús nas sinagogas, proclamando que era o Fillo de Deus. 21 Todos os que o sentían ficaban pasmados e dicían: "Pero non é este o que en Xerusalén fixo estragos entre os que invocan ese Nome, e viñera aquí para os levar presos diante dos sumos sacerdotes?". 22 Pero Saulo con máis ánimos confundía ós xudeus de Damasco, demostrando que Xesús era o Mesías. 23 Logo de bastantes días, os xudeus ordenaron de o matar, 24 mais Saulo chegou a saber o que andaban argallando. Día e noite vixiaban as portas da cidade, para lle daren morte. 25 Pero algúns dos seus discípulos collérono de noite e descolgárono pola muralla metido nun cesto. Saulo en Xerusalén e en Tarso 26 Chegado a Xerusalén, procuraba xuntarse cos discípulos; pero todos lle tiñan medo, non crendo que fose discípulo de verdade. 27 Pero Bernabé, colleuno consigo e levouno onda os apóstolos. Saulo contoulles que vira o Señor no camiño, que lle falara e que en Damasco predicara publicamente no nome de Xesús. 28 Conviviu con eles en Xerusalén, predicando con ousadía no nome do Señor. 29 Falaba e discutía tamén cos helenistas, pero estes queríano matar. 30 O sabelo, os irmáns levárono para Cesarea e fixérono seguir a Tarso. A Igrexa medra en toda Palestina 31 Daquela, a Igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaría. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ó Señor e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número. Pedro visita as Igrexas: curación dun paralítico 32 Pedro, que as visitaba todas, baixou a visitar os santos que vivían en Lida. 33 Encontrou alá un tal Eneas, que xacía paralítico nun catre desde había oito anos. 34 Díxolle Pedro: Eneas, Xesús Cristo vaite curar! Érguete e fai ti mesmo o teu leito. E no intre púxose en pé. 35 Todos os habitantes de Lida e de Sarón vírono e convertéronse ó Señor. Pedro vólvelle a vida a Tabita 36 Había en Iope unha discípula de nome Tabita (que traducido quere dicir Gacela), chea de boas obras e de caridades. 37 Por aqueles días enfermou e morreu. Despois de a lavaren, puxérona no cuarto de arriba. 38 Como Lida está cerca de Iope, sentindo dicir os discípulos que Pedro estaba alí, mandáronlle dous homes con este recado: "non tardes en achegarte aquí". 39 Pedro foi con eles. Cando chegou levárono á sala de arriba onde se lle presentaron chorando todas as viúvas, amosándolle as túnicas e os mantos que facía a Gacela cando estaba con elas. 40 Pedro entón, mandou saír a xente toda, púxose de xeonllos e orou; despois volveuse ó cadáver e dixo: Tabita, érguete! Ela abriu os ollos e, ó ver a Pedro, incorporouse. 41 Pedro colleuna pola man, levantouna e chamando os santos e as viúvas presentóullela viva. 42 Isto sóubose en toda a cidade de Iope e moitos creron no Señor. 43 Pedro, ficou bastantes días en Iope, na casa dun curtidor chamado Simón. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)