Feitos 8 - Biblia SEPTPersecución da Igrexa. Saulo entre os perseguidores 1 Saulo aprobaba a súa morte. Aquel día levantouse unha grande persecución contra a Igrexa de Xerusalén, e todos, agás os apóstolos, dispersáronse polas terras da Xudea e da Samaría. 2 Uns homes piadosos enterraron a Estevo e fixeron por el un gran pranto. 3 En canto a Saulo, maltrataba a Igrexa: entraba polas casas, arrastraba homes e mulleres e mandábaos á cadea. EXPANSIÓN DA IGREXA POR PALESTINA Filipe evanxeliza Samaría 4 Os que se dispersaron ían por todas partes, anunciando a Boa Nova da Palabra. 5 Filipe baixou á cidade de Samaría e predicoulles o Mesías. 6 O pobo, dun acordo, atendía ó que dicía Filipe, sentindo e vendo os sinais que facía; 7 pois de moitos posuídos saían espíritos impuros a berros, e moitos paralíticos e coxos quedaban curados. 8 A cidade encheuse de alegría. 9 Había un home naquela cidade, chamado Simón, que exercía de meigo e pasmaba á xente de Samaría, dicíndolles ser alguén importante. 10 Todos, desde o máis pequeno ó máis grande, facíanlle caso, porque dicían: "Este é a forza de Deus, chamada a Grande". 11 E facíanlle caso, porque había tempo que os tiña pasmados con meiguerías. 12 Pero cando creron a Filipe, que anunciaba o Reino de Deus e o nome de Xesús Cristo, fixéronse bautizar homes e mulleres. 13 O mesmo Simón tamén creu e, despois de bautizado, andaba sempre con Filipe e ficaba abraiado ó ver os sinais e milagres que se facían. 14 O sentiren dicir os apóstolos, que estaban en Xerusalén, que Samaría acollera a palabra de Deus, mandáronlles a Pedro e a Xoán. 15 Baixaron logo alí, e oraron polos samaritanos, para que recibisen o Espírito Santo, 16 pois aínda non baixara sobre ningún deles: só os bautizaran no nome do Señor Xesús. 17 Entón, fóronlles impoñendo as mans e recibiron o Espírito Santo. 18 Vendo Simón que pola imposición das mans dos apóstolos se daba o Espírito, ofreceulles cartos, 19 dicindo: Dádeme a min tamén ese poder para que aquel a quen lle impoña as mans, reciba o Espírito Santo. 20 Mais Pedro respondeulle: Así rebentes ti e mais o teu diñeiro! Ti coidas que o don de Deus se pode adquirir con cartos? 21 Non tes parte nin sorte neste asunto, porque o teu corazón non é recto diante de Deus. 22 Arrepíntete desa malicia túa, e pídelle ó Señor, a ver se che perdoa o sentir do teu corazón, 23 pois vexo que estás destinado á amargura do fel e ás cadeas dos malvados. 24 Simón respondeu: Rezade vós por min ó Señor, para que non me acaia nada do que acabades de dicir. 25 Eles entón, despois de testificaren e anunciaren a palabra do Señor, volveron para Xerusalén, evanxelizando en moitas aldeas de Samaría. Filipe evanxeliza e bautiza un etíope 26 Un anxo do Señor faloulle a Filipe deste xeito: Anda, diríxete cara ó sur polo camiño que baixa de Xerusalén a Gaza, a través do deserto. 27 Púxose en camiño e dirixiuse cara alá. Un etíope, eunuco, funcionario de Candaces, raíña da Etiopía, que estaba encargado de todos os seus tesouros, fora a Xerusalén como peregrino. 28 De volta, sentado no seu carro, ía lendo no profeta Isaías. 29 Díxolle o Espírito a Filipe: Achégate e ponte a par dese carro. 30 Correndo Filipe, sentiu que ía lendo no profeta Isaías e preguntoulle: Entendes o que les? 31 Contestoulle: Como o vou entender, se ninguén mo explica? E convidou a Filipe a que subise a sentar con el. 32 A pasaxe da Escritura que lía era esta: Coma ovella levárono ó matadoiro; e coma año mudo diante de quen o rapa, así El non abría a súa boca. 33 Humillárono, negándolle a xustiza, quen contará a súa descendencia? A súa vida foi arrincada da terra. 34 Dirixíndose a Filipe, díxolle o eunuco: Por favor de quen di isto o profeta? De si mesmo ou doutro? 35 Filipe entón tomou a palabra e partindo desa pasaxe da Escritura, anuncioulle a Boa Nova de Xesús. 36-37 De camiño, chegaron a un sitio con auga e dixo o eunuco: Aquí hai auga, por que non me podo bautizar eu? 38 E mandou parar o carro. Baixaron os dous á auga, Filipe e mais o eunuco, e Filipe bautizouno. 39 Cando subiron da auga, o Espírito do Señor arrebatou a Filipe. O eunuco xa non o viu máis, pero seguiu o seu camiño cheo de alegría. 40 Filipe atopouse en Azoto e evanxelizaba todas as vilas por onde pasaba, ata chegar a Cesarea. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)