Feitos 7 - Biblia SEPTDiscurso e testemuño de Estevo 1 Daquela o xefe dos sacerdotes preguntoulle: Son así as cousas? 2 El respondeu: Irmáns e pais, escoitade: o Deus da gloria aparecéuselle ó noso pai Abraham, cando estaba na Mesopotamia, antes de se establecer en Harán, 3 e díxolle: Sae da túa terra e de onda os teus, e ven á terra que che indicarei. 4 Entón, saíu da terra dos caldeos, habitou en Harán e de alí, logo que finou seu pai, trasladouno Deus a esta terra na que vivides vós agora. 5 E non lle deu nela herdanza ningunha, nin sequera un pé de terreo, mais prometeulle que lla daría en propiedade, e despois del á súa descendencia, aínda que non tiña fillos. 6 E faloulle Deus: A túa descendencia será peregrina en terra allea e hana escravizar e maltratar durante catrocentos anos; 7 pero eu xulgarei a nación a quen sirvan como escravos, dixo Deus, e logo disto sairán e adoraranme neste sitio. 8 E deulle a alianza da circuncisión e así, ó lle nacer Isaac, circuncidouno ó oitavo día; e Isaac a Xacob, e Xacob, ós doce patriarcas. 9 Os patriarcas, envexosos de Xosé, vendérono con destino a Exipto. Pero Deus estaba con el, 10 librouno de todos os seus traballos, e deulle graza e sabedoría diante do Faraón, rei de Exipto, que o constituíu gobernador do Exipto e de toda a súa casa. 11 Veu despois unha fame tan negra e tanta miseria sobre todo o Exipto e Canaán, que nosos pais non achaban alimentos. 12 Cando Xacob sentiu dicir que había trigo en Exipto, mandou alí a nosos pais por primeira vez. 13 A segunda vez, Xosé deuse a coñecer ós seus irmáns, e o Faraón soubo a súa orixe. 14 Entón Xosé mandou chamar a seu pai Xacob e a todos os seus parentes, en total setenta e cinco persoas; 15 e Xacob baixou a Exipto. Morreu el e mais os nosos pais, 16 e leváronos a Xequem e puxéronos na sepultura que Abraham comprara con prata ós fillos de Hamor, en Xequem. 17 A medida que se achegaba o tempo da promesa que Deus lle fixera a Abraham, o pobo medrou e inzou en Exipto, 18 Ata que subiu ó trono do Exipto outro rei, que non coñecía a Xosé. 19 Obrando raposeiramente contra a nosa xente, maltratou a nosos pais, facéndolles abandonar os seus picariños para que non vivisen. 20 Nese tempo naceu Moisés, que atopou graza diante de Deus. Criárono durante tres meses na casa do pai; 21 e, cando o abandonaron, recolleuno a filla do Faraón e criouno coma se fose fillo dela. 22 Moisés educouse en toda a ciencia dos exipcios, e era poderoso en palabras e mais en obras. 23 Cando ía nos corenta anos, veulle o desexo de visitar os seus irmáns, os israelitas. 24 Vendo un que estaban maltratando, tomou a súa defensa, matou ó exipcio, vingou ó oprimido. 25 Coidaba el que seus irmáns entenderían que pola súa man Deus lles ofrecía a salvación; pero non entenderon. 26 Para o outro día presentouse cando uns estaban a berrar e tratou de os poñer a ben, dicíndolles: "Sodes irmáns! Por que pelexades un co outro?". 27 Pero o que ofendía ó seu próximo, refugouno dicindo: Quen te nomeou a ti xefe e xuíz noso? 28 Quéresme matar a min, como mataches onte ó exipcio? 29 Cando tal sentiu, escapou e viviu coma estranxeiro na terra de Madián, onde tivo dous fillos. 30 Logo de corenta anos, aparecéuselle un anxo no deserto do monte Sinaí, na lapa do lume dunha silveira. 31 Moisés, vendo isto, ficou admirado coa aparición. O se achegar para ver, sentiuse a voz do Señor: 32 Eu son o Deus de teus pais, o Deus de Abraham, de Isaac, e de Xacob. Pero Moisés, arrepiado, non ousaba mirar. 33 E díxolle o Señor: Quita os zapatos dos teus pés, porque o lugar onde estás é terra santa; 34 vin a aflición do meu pobo en Exipto, escoitei os seus laios e baixei para liberalos. Ven logo aquí, que te vou mandar a Exipto. 35 A este Moisés, de quen renegaran dicindo: "quen te constituíu xefe e xuíz?", foi a quen Deus mandou coma xefe e liberador pola man do anxo, que se lle aparecera na silveira. 36 Foi el quen os fixo saír, obrando prodixios e sinais na terra de Exipto, no mar Rubio e no deserto, durante corenta anos. 37 Foi este Moisés quen lles dixo ós fillos de Israel: Deus fará xurdir un profeta coma min de entre os vosos irmáns. 38 Foi el quen na asemblea do deserto estivo coma mediador entre o anxo que lle falaba no monte Sinaí e os nosos pais; el foi quen recibiu palabras de vida para nolas transmitir. 39 Foi el a quen nosos pais non quixeron obedecer, senón que o refugaron e no seu corazón volvéronse a Exipto, 40 dicíndolle a Aharón: Fainos deuses que vaian diante de nós, pois non sabemos que foi deste Moisés, que nos quitou da terra de Exipto. 41 E naqueles días fabricaran un becerro, ofreceran un sacrificio ó ídolo, e festexaran a obra das súas mans. 42 Pero Deus volveulles as costas, e entregounos ó culto dos astros, como está escrito no libro dos profetas: Seica me ofrecestes vítimas e sacrificios durante corenta anos no deserto, casa de Israel? 43 Levastes a tenda de Molok e a estrela do Deus Refán (imaxes que vós fixestes), para adoralas. Pois eu deportareivos alén de Babilonia! 44 Os nosos pais tiñan no deserto a tenda da Alianza, como ordenara aquel que lle dixo a Moisés que a fixese conforme ó modelo que vira. 45 Os nosos pais recibírona en herdanza e, con Xosué á fronte, introducírona na terra dos pagáns, que Deus expulsou diante deles. Así foi ata os días de David, 46 que achou graza diante de Deus e que lle pediu permiso para lle facer unha morada ó Deus de Xacob. 47 Con todo, foi Salomón quen lla construíu. 48 Anque o Altísimo non habita en edificios feitos por mans de home; como di o profeta: 49 O ceo é o meu trono e a terra o estrado dos meus pés: que casa me construiredes, di o Señor, ou que sitio para o meu repouso? 50 Non foi a miña man a que fixo todo iso? 51 Duros de testa e incircuncisos de corazón e oídos! Vós sempre resistides o Espírito Santo! Sodes coma vosos pais. 52 A que profeta non perseguiron vosos pais? Mataron ós que anunciaron por adiantado a vinda do Xusto, do que vós agora vos fixestes traidores e asasinos: 53 vós que recibistes a Lei por mandado dos anxos e non a gardastes! Martirio de Estevo 54 O sentiren isto, adoecían e renxían os dentes contra Estevo. 55 Pero el, cheo do Espírito Santo e cos ollos cravados no ceo, viu a gloria de Deus e a Xesús de pé á dereita de Deus, 56 e dixo: Ollade, vexo o ceo aberto e o Fillo do Home, de pé, á dereita de Deus. 57 Entón pegaron a berrar, taparon os oídos, e todos á xunta arremeteron contra el; 58 quitárono fóra da cidade e comezaron a apedralo. As testemuñas deixaron os seus vestidos ós pés dun mozo chamado Saulo. 59 Apedraban a Estevo, que invocaba así: "Señor Xesús, recibe o meu espírito!" 60 E posto de xeonllos, berrou con voz forte: "Señor, non lles teñas en conta este pecado!" Dito isto, adormeceu para sempre. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)