Feitos 6 - Biblia SEPTInstitución dos sete diáconos 1 Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un descontento dos helenistas contra os hebreos, porque se desatendía ás viúvas de fala grega no servizo diario. 2 Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron: Non está ben que deixemos a palabra de Deus para nos dedicarmos ó servizo das mesas. 3 Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio. 4 Nosoutros continuaremos dedicados a oración e ó servizo da palabra. 5 A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Filipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolás, prosélito de Antioquía; 6 presentáronllelos ós apóstolos, e, despois de orar, impuxéronlles as mans. 7 A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe. Arresto e xuízo de Estevo 8 Estevo, cheo de graza e poder, realizaba grandes prodixios e sinais entre o pobo. 9 Apareceron algúns da sinagoga chamada dos libertos, dos de Cirene, dos de Alexandría e dos de Cilicia e Asia, para discutiren con Estevo. 10 Pero non lle daban replicado á ciencia e ó Espírito con que falaba. 11 Entón subornaron uns homes, para que dixesen: "Sentímoslle blasfemar contra Moisés e contra Deus". 12 Así encirraron ó pobo, ós anciáns e ós mestres da Lei; e, arremetendo contra el, levárono ó consello. 13 Presentaron falsas testemuñas, que dicían: "este home non para de blasfemar contra este lugar santo e contra a Lei; 14 sentímoslle dicir que ese Xesús de Nazaret destruirá este sitio e cambiará os costumes que nos transmitiu Moisés". 15 Entón todos os que estaban sentados no consello, fixaron a vista nel e o seu rostro pareceulles mesmamente o dun anxo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)