Feitos 4 - Biblia SEPTPedro e Xoán diante das autoridades xudías 1 Cando estaban a falarlle ó pobo, chegaron cabo deles os sacerdotes, o xefe da garda do templo e os saduceos, 2 incomodados porque ensinaban ó pobo e anunciaban a resurrección dos mortos verificada en Xesús. 3 Botaron man deles e metéronos na prisión ata o outro día, porque xa era tarde. 4 Non obstante, moitos dos que sentiron a palabra, creron; só o número dos homes subiu a uns cinco mil. 5 O outro día xuntáronse en Xerusalén os xefes dos sacerdotes, os anciáns e os mestres da Lei, 6 Así coma o gran sacerdote Anás, e Caifás, Xoán, Alexandro e todos os que eran de nobreza sacerdotal. 7 Trouxeron ós apóstolos diante deles e preguntáronlles: Con que poder ou en nome de quen fixestes isto? 8 Entón Pedro, cheo do Espírito Santo, díxolles: Xefes do pobo e anciáns, 9 xa que nos demandades polo favor feito a un enfermo e sobre o xeito como se curou, 10 sabede todos vós e sáibao o pobo de Israel que é no nome de Xesús Cristo de Nazaret, a quen vós crucificastes e Deus resucitou de entre os mortos: por El está este home en pé e san diante de vós. 11 El é a pedra que refugastes vós, os construtores, e que se converteu en pedra esquinal. 12 En ningún outro hai salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado ós homes, no que nos poidamos salvar. 13 O veren a ousadía con que falaban Pedro e Xoán, sendo como eran xente do pobo e homes sen cultura; e comprendendo que eran os que estiveran con Xesús quedaban admirados. 14 E vendo onda eles o home que quedara curado, non podían contradicilos en nada. 15 Mandáronos saír para fóra do consello e conferenciaron entre si, 16 dicindo: "que imos facer con estes homes? Toda Xerusalén sabe que fixeron un milagre clarísimo, e non o podemos negar. 17 Pero, para que non corra máis entre a xente, ameacémolos, e que en adiante non falen a ninguén máis nese nome". 18 Chamáronos e prohibíronlles que baixo ningún pretexto falasen nin ensinasen no nome de Xesús. 19 Pero Pedro e Xoán respondéronlles: Xulgade por vós mesmos se está ben diante de Deus obedecervos a vós antes ca a El, 20 porque non podemos deixar de falar do que temos visto e sentido. 21 Por iso, logo de os ameazaren novamente, deixáronos ir, non vendo a maneira de os castigaren por causa do pobo, xa que todo o mundo glorificaba a Deus polo que sucedera, 22 pois tiña máis de corenta anos o home milagrosamente curado. Oración da comunidade e baixada do Espírito Santo 23 Unha vez libres, foron onda os seus e contáronlles todo canto lles dixeran os xefes dos sacerdotes e os anciáns. 24 Cando tal sentiron, todos á vez elevaron a voz cara a Deus e dixeron: Señor, ti fixeches o ceo, a terra, o mar e canto neles hai. 25 Ti dixeches, polo Espírito Santo, por boca do noso pai David, o teu servo: Por que se levantan as nacións e os pobos cavilan parvadas? 26 Aviñéronse os reis da terra e os xefes aliáronse contra o Señor e contra o seu Cristo. 27 Porque a verdade é que nesta cidade se xuntaron contra o teu santo servo Xesús, a quen ti unxiches, Herodes e Poncio Pilato, cos pagáns e co pobo de Israel, 28 para faceren o que a túa man e a túa sabedoría tiñan disposto que sucedese. 29 E agora, Señor, olla para as súas ameazas e concédelles ós teus servidores proclamar con toda ousadía a túa palabra. 30 Estende a túa man para que se fagan curacións, sinais e prodixios polo nome do teu santo servo Xesús. 31 Cando remataron de rezar, abalou o sitio onde estaban reunidos; todos quedaron cheos do Espírito Santo e anunciaban afoutos a palabra de Deus. Vida da primeira comunidade 32 A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba coma seu o que posuía, senón que todas as cousas eran comúns. 33 Os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e todos eles eran ben considerados. 34 Non había entre eles ningún necesitado, porque todos os que tiñan bens ou casas vendíanos, levaban os cartos e depositábanos ós pés dos apóstolos, 35 que repartían a cadaquén segundo precisaba. 36 Así, Xosé, chamado polos apóstolos Bernabé (que quere dicir fillo da consolación), levita, natural de Chipre, 37 tiña un campo, vendeuno, levou os cartos e depositounos ós pés dos apóstolos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)