Feitos 28 - Biblia SEPTPaulo cos navegantes na illa de Malta 1 Xa a salvo en terra, soubemos que a illa se chamaba Malta. 2 Os nativos tratáronos cunha humanidade pouco corrente: acenderon un lume e acolléronnos a todos, pois chovía e ía frío. 3 Paulo xuntara algúns guizos de leña secos e ó botalos no lume, unha víbora que fuxía da calor enroscóuselle na man. 4 Can-do os indíxenas viron o animal pendurado na man dicían entre eles: "seguro que este home é un asasino: despois de se salvar do mar, a xustiza divina non o deixa vivir". 5 Pero el botou o animal no lume e non sufriu mal ningún. 6 Eles esperaban velo inchar ou caer morto de súpeto, pero logo de moito agardar, vendo que non lle pasaba nada novo, cambiaron de parecer e xa dicían que tiña que ser un deus. 7 Nas proximidades de alí por aquela parte tiña unha propiedade o gobernador da illa, que se chamaba Publio, quen nos recibiu e nos hospedou amablemente durante tres días. 8 Cadrou que o pai de Publio estaba encamado con febre e disentería. Paulo foino ver, rezou, impúxolle as mans e curou. 9 A consecuencia disto, comezaron a vir tamén os outros enfermos que había na illa e quedaban curados. 10 Eles, pola súa banda, enchéronnos de atencións e, cando decidimos partir, déronnos de todo. Proseguen a viaxe a Roma 11 Tres meses despois embarcamos nun barco de Alexandría, que invernara na illa e que levaba a divisa dos Dióscuros. 12 Atracamos en Siracusa, onde botamos tres días. 13 Desde alí, costeando, chegamos a Rexio. Para o outro día levantouse o vento do sur e en dous días chegamos a Putéoli, 14 onde atopamos irmáns que nos convidaron a pasar sete días con eles. E así chegamos a Roma. 15 Os irmáns de alí, así que souberon de nós, viñéronnos recibir ata Foro Apio e Tres Tabernas. Paulo, ó velos, deu grazas a Deus e animouse. Paulo entrevístase cos xudeus de Roma 16 Cando entramos en Roma, a Paulo autorizárono a ter domicilio particular cun soldado que o vixiaba. 17 Tres días despois, convocou os principais dos xudeus. Cando se reuniron, díxolles: Irmáns, sen ter feito nada contra o pobo nin contra os costumes paternos, entregáronme preso ós romanos en Xerusalén. 18 Estes, logo de me interrogaren, queríanme ceibar, porque non había nada en min que merecese a morte. 19 Pero, como os xudeus se opuñan, vinme obrigado a apelar ó César, sen pretender acusar en nada ó meu pobo. 20 Por este motivo pedín vervos e falarvos, pois é pola esperanza de Israel que levo esta cadea. 21 Eles dixéronlle: Non recibimos de Xudea ningunha carta sobre ti e ningún dos teus irmáns que chegou nos falou mal de ti. 22 Pero si que nos gustaría sentir pola túa boca o que pensas, pois o que sabemos é que esa seita encontra oposición en todas as partes. 23 Citáronse para un día e viñérono ver á súa casa bastantes máis. El comezou a súa exposición e daba testemuño do Reino de Deus, tentando de os convencer de quen era Xesús, partindo da Lei de Moisés e dos Profetas, desde a mañá á noite. 24 Uns deixáronse convencer polo que dicía, pero outros non crían. 25 Estando en desacordo uns cos outros, comezaban a separarse cando Paulo engadiu esta palabra final: Con razón díxolles o Espírito Santo a vosos pais, por medio do profeta Isaías, 26 dicindo: Vai e dille a ese pobo: escoitar escoitaredes, pero non comprenderedes, ollar ollaredes, pero non veredes; 27 porque está endurecido o corazón deste pobo; fixéronse duros de oído e pecharon os ollos: non fose que visen cos ollos, sentisen cos oídos, entendesen coa intelixencia e se convertesen, para que eu os cure. 28-29 Sabede, logo, que esta salvación de Deus ofrécese ós pagáns, e eles si que escoitarán. Actividade de Paulo en Roma 30 Paulo botou dous anos enteiros nunha casa alugada e recibía a todos os que o viñan visitar, 31 predicando o Reino de Deus e ensinando o que se refire ó Señor Xesús Cristo, con audacia e sen impedimento ningún. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)