Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Feitos 26 - Biblia SEPT


Discurso de Paulo defendéndose diante do rei Agripa

1 Agripa díxolle a Paulo: Tes consentimento para falares na túa defensa. Entón Paulo, estendendo a man, principiou a súa defensa.

2 Considérome feliz, rei Agripa, de poderme defender diante de ti de todo o que me acusan os xudeus,

3 maiormente por seres coñecedor de todos os costumes e controversias que hai entre os xudeus. Por iso pídoche que me escoites con paciencia.

4 A miña vida a partir da mocidade, que pasei desde o comezo entre o meu propio pobo, en Xerusalén, sábena todos os xudeus.

5 Eles coñécenme desde hai moito tempo e, se quixesen, poderían atestar que vivín coma fariseo, o partido máis rigoroso da nosa relixión.

6 Curiosamente é pola esperanza na promesa feita por Deus ós nosos pais polo que me atopo aquí en xuízo;

7 promesa que as doce tribos esperan acadar servindo decote a Deus, noite e día. Por esa esperanza, maxestade, acúsanme os xudeus!

8 Por que coidades incrible que Deus resucite os mortos?

9 En canto a min, crinme obrigado a combater con todos os medios contra o nome de Xesús de Nazaret.

10 Iso foi o que fixen en Xerusalén: co poder que me deran os sumos sacerdotes, eu mesmo metín no cárcere moitos cristiáns e, cando os mataban, dábao por ben feito.

11 Moitas veces, polas sinagogas, con torturas, obrigábaos a blasfemar e, cheo de carraxe contra eles, perseguíaos mesmo nas cidades de fóra.

12 Foi así, que, indo a Damasco con poder e permiso dos sumos sacerdotes,

13 Á mediodía, maxestade, vin no camiño unha luz baixada do ceo e máis brillante có sol, que resplandecía arredor de min e dos meus compañeiros de viaxe.

14 Todos caemos ó chan e sentín unha voz que me dicía en lingua hebrea: "Xaúl, Xaúl, por que me persegues? Non gañas nada con dares couces contra o aguillón".

15 Eu preguntei: "Quen es, Señor?". E o Señor respondeu: "Eu son Xesús, a quen ti persegues.

16 Pero érguete e ponte dereito, pois aparecinme a ti para te poñer coma servidor e testemuña do que de min viches e do que che amosarei,

17 librándote do pobo e dos pagáns ós que te mando,

18 para que lles abras os ollos a fin de que volvan das tebras á luz e do poder de Satán a Deus e, pola fe en min, reciban o perdón dos pecados e mais a herdade entre os santos".

19 E non desobedecín, rei Agripa, a visión celestial.

20 O contrario, primeiro ós de Damasco, despois ós de Xerusalén, e en toda a rexión da Xudea e por fin ós pagáns, prediqueilles que se arrepintan e que se convertan a Deus e que vivan como corresponde á conversión.

21 Por este motivo prendéronme os xudeus no Templo e tentaron de me matar.

22 Pero coa axuda de Deus mantéñome ata hoxe dando testemuño a pequenos e grandes, sen me saír do que predixeron Moisés e mais os Profetas:

23 que o Mesías tiña que padecer e que, resucitado o primeiro de entre os mortos, anunciaríalles a luz ó noso pobo e ós pagáns.

24 Estando neste punto da súa defensa, exclamou Festo: Estás tolo, Paulo; tanto saber revirouche o xuízo!

25 Pero Paulo díxolle: Non estou tolo, excelentísimo Festo; as miñas palabras son verdadeiras e asisadas.

26 O rei sabe moito destas cousas e por iso fálolle francamente, pois non creo que as ignore, dado que non ocorreron nun recanto.

27 Cres nos profetas, rei Agripa? Ben sei que cres.

28 Agripa respondeulle a Paulo: A pouco máis convéncesme para me facer cristián!

29 E Paulo dixo: Deus queira que, en moito ou en pouco, non só ti senón todos os que hoxe me escoitan se fixesen coma min, fóra estas cadeas, claro.

30 O rei, o gobernador, Berenice e os que estaban sentados con eles erguéronse.

31 O se retiraren comentaban: "este home non cometeu cousa que sexa merecente nin de morte nin de cadeas".

32 E Agripa díxolle a Festo: Este home xa podía estar ceibo, se non apelase ó César.

Lean sinn:



Sanasan