Feitos 25 - Biblia SEPTCo novo gobernador romano novo xuízo. Paulo apela ó emperador 1 Os tres días da súa chegada á provincia, subiu Festo de Cesarea a Xerusalén. 2 Os sumos sacerdotes e os principais dos xudeus presentáronse ante el acusando a Paulo e pedíanlle 3 de favor, con mala idea, que o fixese ir para Xerusalén, con mentes de prepararen eles unha trapela para o mataren no camiño. 4 Pero Festo respondeu que Paulo estaba preso en Cesarea e que el mesmo marcharía axiña. 5 E dixo: Que os principais de entre vós veñan comigo e, se hai algúns delito nese home, que o acusen. 6 Logo de botar entre eles non máis de oito ou dez días, baixou a Cesarea e para o outro día sentou no tribunal e mandou traer a Paulo. 7 Cando chegou, rodeárono os xudeus que baixaran de Xerusalén, presentando contra el moitas e graves acusacións, que non eran capaces de probar. 8 Paulo, pola súa banda, defendíase dicindo: Non faltei en nada nin contra a Lei dos xudeus, nin contra o Templo nin contra o César. 9 Entón Festo, querendo poñerse a ben cos xudeus, respondeulle a Paulo: Queres subir a Xerusalén e que te xulguen alí sobre todo isto na miña presenza? 10 Pero Paulo respondeu: Estou diante do tribunal do César e é aquí onde se me debe xulgar. Non lles fixen mal ningún ós xudeus, como ti mesmo sabes ben. 11 Se son culpable e cometín algunha cousa que mereza a morte, non me nego a morrer; pero, se non hai fundamento en ningunha das cousas de que eles me acusan, ninguén ten o dereito de me entregar a eles. Apelo ó César! 12 Entón Festo, logo de consultar os seus conselleiros, respondeu: Xa que apelas ó César, irás ó César! O gobernador fálalle de Paulo ó rei Agripa 13 Pasados algúns días, o rei Agripa e Berenice chegaron a Cesarea, a saudar a Festo. 14 Como botaron alí días, Festo informou ó rei do caso de Paulo, dicíndolle: Hai aquí un home que Fiz deixou preso, 15 A quen acusaron os sumos sacerdotes e os senadores dos xudeus, estando eu en Xerusalén e pediron a súa condena. 16 Respondinlles que non é costume romano entregar un home sen enfrontalo cos seus acusadores e dándolle a posibilidade de se defender da acusación. 17 Viñeron comigo ata aquí e, sen demorarme nada, sentei para o outro día no tribunal e mandei traer o home. 18 Os acusadores compareceron, pero non presentaron ningunha acusación dos delitos que eu sospeitaba; 19 só tiñan en contra del unhas cuestións acerca da súa relixión e dun certo Xesús defunto, de quen Paulo afirma que vive. 20 Sen saber que decidir nestas cuestións, pregunteille se quería ir a Xerusalén para xulgalo alí; 21 pero Paulo apelou, pedindo que o seu caso fose reservado ó xuízo do emperador e mandei que o gardasen ata mandarllo ó César. 22 Entón Agripa díxolle a Festo: Gustaríame a min tamén escoitar a ese home. Respondeulle: Mañá sentiralo. Paulo diante de Agripa 23 O día seguinte, viñeron Agripa e Berenice con grande pompa, e entraron na sala da audiencia, rodeados dos tribunos e dos principais da cidade. A unha orde de Festo, levaron a Paulo. 24 Festo dixo: Rei Agripa e todos os que estades aquí presentes connosco: ese é o home contra quen todos os xudeus viñeron onda min, tanto en Xerusalén coma aquí, berrando que non debería vivir máis. 25 Eu recoñecín que non fixera nada que mereza a morte; pero, como el apelou ó emperador, decidín mandarllo. 26 Pero non sei que lle hei de escribir en concreto do seu caso ó emperador. Por iso mandeino traer á vosa presenza, sobre todo á túa, rei Agripa, para que, feito o interrogatorio, teña algunha cousa que escribir, 27 pois paréceme que non ten xeito mandar un preso sen indicar os cargos que hai contra el. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)