Feitos 24 - Biblia SEPT1 Cinco días despois baixou o xefe dos sacerdotes Ananías con algúns senadores e un tal Tértulo, avogado, e presentaron queixa ó gobernador contra Paulo. 2 Citado Paulo, Tértulo comezou a acusación nestes termos: A gran paz que gozamos grazas a ti e ás reformas que este país debe á túa providencia, 3 recoñecémola en todo e en todas partes, excelentísimo Fiz, con suma gratitude. 4 Pero, para non te incomodar demasiado, pídoche que nos escoites brevemente coa túa benevolencia. 5 Nós descubrimos que este home é unha peste: fomenta enlizos entre todos os xudeus que hai polo mundo enteiro e é cabeza do partido dos Nazarenos. 6-7 Incluso intentou profanar o templo; entón nós prendémolo. 8 Interrogándoo ti mesmo, poderás coñecer por el todas estas cousas de que o acusamos. 9 Os xudeus apoiárono, asegurando que as cousas eran así. Paulo deféndese 10 O gobernador acenoulle para que falase e entón Paulo respondeu: Como sei que hai moitos anos es xuíz desta nación, vou facer confiadamente a miña defensa. 11 Ti mesmo podes comprobar que non hai máis de doce días subín a Xerusalén para adorar, 12 e que nin no Templo, nin nas sinagogas nin pola cidade, ninguén me viu discutindo con ninguén nin revolvendo na xente. 13 Eles non poden probar as cousas de que agora me acusan. 14 Non obstante confésoche o seguinte: é seguindo o Camiño, que eles chaman partido, como adoro ó Deus dos nosos pais, crendo todo o que está escrito na Lei e nos Profetas, 15 tendo en Deus a esperanza que estes mesmos teñen: que haberá resurrección de xustos e inxustos. 16 Por iso, esfórzome sempre en ter unha conciencia sen lixo diante de Deus e diante dos homes. 17 Despois de moitos anos, vin traer esmolas ós da miña nación e ofrendas. 18 Uns xudeus de Asia acháronme no templo, xa purificado, sen xuntanza nin algueirada: 19 eles son os que tiñan que presentarse diante do teu tribunal e acusarme, se tiñan algo contra min. 20 E, se non, que digan estes que crime descubriron cando comparecín diante do Sanedrín, 21 como non sexa aquel berro que botei no medio deles: "é por causa da resurrección dos mortos, que se me xulga hoxe diante de vós". Aprazamento do xuízo. Paulo segue preso dous anos máis 22 Entón Fiz, que coñecía bastante ben as cousas referentes ó Camiño, aprazoulles a causa, dicindo: Cando baixe o tribuno Lisias, decidirei o voso asunto. 23 E ordenou ó centurión que o gardase, pero con consideración e sen o privar da asistencia dos seus. 24 Algúns días despois chegou Fiz coa súa muller Drusila, que era xudía. Mandou chamar a Paulo e escoitouno acerca da fe en Cristo. 25 Pero, como Paulo falaba da xustiza, do dominio de si e do Xuízo futuro, Fiz arrepiado dixo: Polo de agora vaite, cando teña máis tempo mandareite chamar. 26 Contaba que tamén Paulo lle dese cartos; por iso mandábao chamar adoito e conversaba con el. 27 Despois de dous anos, recibiu Fiz como sucesor a Porcio Festo. E querendo congraciarse cos xudeus, deixou preso a Paulo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)