Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Feitos 23 - Biblia SEPT

1 Paulo entón, ollando para o Sanedrín, dixo: Irmáns, ata hoxe en todo me comportei con boa conciencia diante de Deus.

2 Pero o xefe dos sacerdotes Ananías, mandou ós que o custodiaban que lle batesen na boca.

3 Entón Paulo díxolle: Hache pegar Deus a ti, parede caleada! Sentas para xulgarme conforme á Lei e mandas que me peguen violando a Lei?

4 Os que o custodiaban dixéronlle: Insultas ó Sumo Sacerdote de Deus?

5 Paulo respondeu: Irmáns, non sabía que fose Sumo Sacerdote. Si, a Escritura di: Non dirás mal do xefe do teu pobo.

6 Sabendo Paulo que unha parte deles eran saduceos e outra fariseos, berrou en medio do Sanedrín: Irmáns, eu son fariseo, fillo de fariseos, e quero dicir que é por causa da nosa esperanza na resurrección dos mortos, polo que se me xulga.

7 Cando dixo isto, armouse unha disputa entre os fariseos e os saduceos e dividiuse a asemblea,

8 porque os saduceos non admiten nin resurrección nin anxos nin espíritos, mentres que os fariseos cren nestas tres cousas.

9 Fíxose un gran rebumbio; erguéronse algúns escribas do partido dos fariseos e dicían afoutos: Non atopamos nada malo neste home: e se é certo que lle falou un espírito ou un anxo?

10 A liorta ía a maiores e o tribuno, temendo que esnaquizasen a Paulo, ordenou á tropa que baixase a quitalo do medio deles para o levar ó cuartel.

11 A noite seguinte, aparecéuselle o Señor e díxolle: Animo, que así como deches testemuño de min en Xerusalén, cómpre tamén que o deas en Roma.


Conspiración dos xudeus para mataren a Paulo

12 O raiar o día, os xudeus fixeron unha conspiración e conxuráronse a non comer nin beber ata mataren a Paulo.

13 Eran máis de corenta os conxurados

14 e fóronse presentar ós xefes dos sacerdotes e ós senadores para dicirlles: Xuramos, baixo pena de maldición, non probar nada ata que matemos a Paulo.

15 Vós, logo de acordo co Sanedrín, pedídelle ó tribuno que volo traia diante de vós, como para examinardes máis a fondo o seu caso; pola nosa banda, estamos dispostos a matalo antes de que chegue.

16 Pero o fillo da irmá de Paulo, soubo da trapela, foi e entrou no cuartel e contoullo a Paulo.

17 Este chamou ó centurión e díxolle: Acompaña a este rapaz cabo do tribuno, pois ten algo que lle comunicar.

18 O centurión tomouno e levouno ó tribuno e díxolle: O preso Paulo chamoume para me pedir que che trouxese este mozo, que ten que falarche unha palabra.

19 O tribuno colleuno pola man, levouno á parte e preguntoulle: Que tes para me dicir?

20 E díxolle: Os xudeus concordaron en pedirche que mañá baixes a Paulo diante do Sanedrín, coa escusa de examinaren o caso con máis información.

21 Ti non te fíes; máis de corenta homes deles prepáranlle unha celada e comprometéronse baixo xuramento a non comeren cousa nin beberen ata que o maten; e xa están dispostos, agardando polo teu consentimento.

22 O tribuno, entón, despediu ó rapaz, recomendándolle que non dixese que o avisara.


PAULO PROCESADO EN CESAREA Proceso ante Fiz

23 Despois mandou chamar a dous dos centurións e díxolles: Tede preparados para iren a Cesarea douscentos soldados, setenta homes de a cabalo e douscentos auxiliares, a partir das nove da noite;

24 que haxa tamén cabalos para montar a Paulo e levalo san e salvo ó gobernador Fiz.

25 E escribiu unha carta nestes termos:

26 "Claudio Lisias ó moi excelente gobernador Fiz, saúde!

27 A este home collérano os xudeus e íano matar, cando aparecín eu coa tropa e libereino, ó saber que era romano.

28 Querendo saber de que o acusaban, fíxeno baixar diante do Sanedrín.

29 Resulta que as acusacións eran por cuestión da Lei deles, sen ningún cargo que merecese a morte ou a cadea.

30 Avisado de que preparan unha conxura para o mataren, envíocho sen agardar máis, e notifico ós seus acusadores que presenten no teu tribunal o que teñan contra el".

31 Os soldados, tal como se lles ordenara, colleron a Paulo e levárono de noite a Antípatris.

32 Para o outro día, deixando que os de a cabalo fosen con el, volveron ó cuartel.

33 Chegados os cabaleiros a Cesarea, entregáronlle a carta ó gobernador e presentáronlle tamén a Paulo.

34 Lida a carta, o gobernador preguntou de que provincia era, e cando soubo que de Cilicia, díxolle:

35 Escoitarei cando veñan os teus acusadores. E mandou que o gardasen no pazo de Herodes.

Lean sinn:



Sanasan