Feitos 22 - Biblia SEPTDiscurso de Paulo ós xudeus de Xerusalén 1 Irmáns e pais, escoitade agora a miña defensa diante de vós. 2 (O sentilo falarlles en hebreo, aínda gardaron máis silencio). Paulo continuou: 3 Eu son xudeu, nado en Tarso da Cilicia, pero criado nesta cidade, instruído ós pés de Gamaliel en todo o rigor da Lei dos nosos pais, acérrimo defensor de Deus, coma vós agora. 4 Eu perseguín á morte este Camiño, prendendo e metendo na cadea a homes e mulleres, 5 tal como o poden atestar o Sumo Sacerdote e todo o Senado. De parte deles recibín cartas para os irmáns de Damasco e púxenme en camiño para traer presos a Xerusalén ós de alí, para castigalos. 6 Pero sucedeu que cando ía de camiño, cerca de Damasco e polo mediodía, unha gran luz do ceo lostregou arredor de min. 7 Caín ó chan e sentín unha voz que me dicía: "Xaúl, Xaúl, por que me persegues?". 8 Eu respondín: "Quen es, Señor?". E díxome: "Eu son Xesús de Nazaret, a quen ti persegues". 9 Os que ían comigo tamén viron a luz, pero non sentiron a voz do que me falaba. 10 Entón dixen: "Que debo facer, Señor?" E o Señor díxome: "Érguete, vai a Damasco e alí diráseche todo o que se che pide que fagas". 11 E como non vía cousa por culpa da fogaxe daquela luz, cheguei a Damasco pola man dos meus compañeiros. 12 Entón un tal Ananías, home devoto conforme a Lei, apreciado por todos os xudeus de alí, 13 veume ver e, ó chegar onda min, díxome: "Saulo, irmán, recobra a vista" e naquel mesmo intre puiden velo. 14 E díxome: "O Deus dos nosos pais destinoute para que coñeceses a súa vontade, para veres o Xusto e sentires a voz da súa boca; 15 porque lle has ser testemuña diante de todos os homes do que viches e sentiches. 16 E agora a que agardar? Érguete, recibe o bautismo e lávate dos teus pecados, invocando o seu nome". 17 Xa de volta a Xerusalén, aconteceume que un día, rezando no Templo, tiven unha éxtase, 18 e vino a El, que me dicía: "Sae axiña de Xerusalén, porque non recibirán o teu testemuño acerca de min". 19 Eu dixen: "Señor, eles ben saben que eu andaba polas sinagogas a prender e azoutar nos que crían en Ti, 20 e que cando foi derramado o sangue de Estevo, a túa testemuña, eu tamén estaba alí, dándoo por ben feito e gardando os mantos dos que o mataban". 21 Pero el contestoume: "Vai, que te hei de mandar lonxe, ós pagáns". Paulo no cuartel romano 22 Fórono escoitando ata chegar a estas palabras; pero entón deron en berrar: Quita da terra a ese, que non merece vivir! 23 E como berraban, abaneaban os mantos e botaban po ó aire, 24 o tribuno mandou que metesen a Paulo no cuartel e ordenou que o interrogasen a lategazos para dar sabido por que berraban así contra el. 25 Cando xa estaba ben atado polas correas, díxolle Paulo ó centurión que estaba alí: E vós, podedes azoutar a un cidadán romano que non foi condenado? 26 O sentir isto, o centurión foille avisar ó tribuno: Que vas facer? Ese home, disque é romano. 27 Foi entón o tribuno e díxolle: Dime unha cousa: es romano ti? El respondeulle: Son. 28 Engadiu o tribuno: A min esa cidadanía custoume moitos cartos. Paulo replicoulle: Pois eu nacín con ela. 29 En seguida marcharon os que o ían interrogar e o tribuno, ó saber que era romano, colleu medo porque o tivera encadeado. Paulo comparece diante das autoridades xudías 30 Para o outro día, querendo saber con certeza de que o acusaban os xudeus, desatouno, mandou reunir os xefes dos sacerdotes e todo o Sanedrín e, levando a Paulo, presentóullelo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)