Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Feitos 21 - Biblia SEPT


A viaxe a Xerusalén

1 Despois de nos separarmos deles, embarcamos e fomos dereitos cara a Cos; ó día seguinte, a Rodas; e de alí, a Pátara.

2 Encontramos un barco que ía facer a travesía a Fenicia, embarcamos nel e seguimos a viaxe.

3 Chegando a dexergar Chipre, que deixamos á esquerda, navegamos para Siria e chegamos a Tiro, pois alí tiña que descargar o barco.

4 Atopamos os discípulos e paramos alí sete días. Eles, movidos polo Espírito, dicíanlle a Paulo que non subise a Xerusalén.

5 Pasados aqueles días, partimos. Todos, xunto coas mulleres e mais os fillos, nos acompañaron ata as aforas da cidade e, postos de xeonllos na praia, rezamos.

6 Despois de nos despedirmos uns dos outros, nosoutros embarcamos e eles volveron para as súas casas.

7 Nós, rematando a travesía, fomos de Tiro a Tolemaida, saudamos os irmáns e quedamos un día con eles.

8 Marchamos para o outro día. Chegamos a Cesarea e, entrando na casa do evanxelista Filipe, un dos Sete, paramos onda el.

9 Filipe tiña catro fillas virxes, que falaban inspiradas.

10 Botamos alí bastantes días e baixou de Xudea un profeta, chamado Agabo,

11 que nos veu ver e, tomando o cinto de Paulo, atouse de pés e mans, dicindo: Isto di o Espírito Santo: así atarán os xudeus en Xerusalén ó dono deste cinto e entregarano nas mans dos pagáns.

12 O sentirmos isto, nós e os do lugar insistiámoslle a Paulo que non subise a Xerusalén.

13 Daquela respondeu Paulo: A que vén tanto pranto? Seica me queredes desmoralizar? Eu estou disposto non só a deixarme atar, senón tamén a morrer en Xerusalén polo nome do Señor Xesús.

14 E, como non se deixaba convencer, desistimos, dicindo: "que se faga a vontade do Señor".


PAULO PRESO EN XERUSALÉN

15 Pasados aqueles días e feitos os preparativos, subimos a Xerusalén.

16 Viñeron connosco algúns discípulos de Cesarea, e leváronnos a pousar á casa dun certo Nasón, chipriota, discípulo desde o comezo.

17 Chegados a Xerusalén, os irmáns recibíronnos con alegría.


Visita a Santiago

18 Para o outro día, foi Paulo connosco cabo de Santiago, e estaban presentes todos os responsables.

19 Logo de os saudar, contoulles unha por unha as cousas que Deus fixera entre os pagáns polo seu ministerio.

20 O sentilo, glorificaron a Deus pero dixéronlle. Xa ves, irmán, os milleiros de xudeus que abrazaron a fe; e todos son celosos defensores da Lei;

21 pero de ti sentiron dicir que ensinas a todos os xudeus que están entre os pagáns a se apartaren de Moisés, dicindo que non circunciden os seus fillos nin sigan as tradicións.

22 Que imos facer agora? Todos saberán que chegaches.

23 Fai logo o que che dicimos: hai aquí catro homes que están ofrecidos:

24 lévaos canda ti, purifícate con eles e paga por eles para que rapen a cabeza e que todos saiban que non hai nada do que se di, senón que ti mesmo es un practicante da Lei.

25 No que toca ós pagáns que abrazaron a fe, mandámoslles por escrito a nosa decisión: que se garden das carnes sacrificadas ós ídolos, do sangue, das carnes sen desangrar e das unións deshonestas.

26 Entón Paulo, para o outro día, levou consigo aqueles catro homes, purificouse xunto con eles e entrou no templo para avisar cando acababan os días da purificación e tocaba presentar a ofrenda por cada un deles.


Motín contra Paulo e detención

27 Cando estaban para se cumprir os sete días, os xudeus da Asia, que o viran no templo, encirraron a todo o persoal e botáronlle as mans,

28 berrando: Israelitas, axudádenos! Este é o home que por todos os sitios anda ensinando a todos en contra do pobo, da Lei e deste lugar; e para máis meteu uns gregos no templo, profanando este lugar santo.

29 (Vírano antes pola cidade co efesio Trófimo e coidaban que Paulo o metera no templo).

30 O boureo correuse por toda a cidade, e apareceu xente por todas as partes. Agarraron a Paulo, arrastrárono fóra do templo e pecharon as portas.

31 Estaban para o mataren, cando lle chegou a noticia ó xefe da guarnición militar de que toda Xerusalén estaba en revolta.

32 De contado colleu soldados e oficiais e baixou correndo cara a eles. Estes, ó velos, deixaron de mallar en Paulo.

33 Cando chegou, o tribuno colleuno, mandouno prender con dúas cadeas e preguntoulles quen era e o que fixera.

34 Pero de entre a xente cada un berraba súa cousa. Non podendo saber nada seguro, debido ó balbordo, mandouno levar para o cuartel.

35 O chegaren ás escadas, era tal a violencia da xente, que o tiveron que levar en peso os soldados,

36 pois a xente seguía a berrar: "que morra!".

37 Cando o ían meter no cuartel, díxolle Paulo ó tribuno: Podo falarche unhas palabras? El preguntoulle: Sabes grego?

38 Entón ti non es o exipcio que hai pouco sublevou e levou ó deserto catro mil guerrilleiros?

39 Respondeulle Paulo: Eu son un xudeu de Tarso, cidadán dunha coñecida cidade de Cilicia. Rógoche que me permitas falarlle á xente.

40 Deulle permiso, e Paulo, de pé nas escadas, acenou coa man pedíndolle silencio á xente. Fíxose un gran silencio e díxolles isto en lingua hebrea.

Lean sinn:



Sanasan