Feitos 2 - Biblia SEPTO día de Pentecoste os apóstolos reciben o Espírito Santo 1 Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. 2 De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento, que encheu toda a casa onde estaban; 3 e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles. 4 Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito. 5 Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. 6 O se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. 7 Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros: "Olla! E todos estes que están aí a falar non son galileos? 8 E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? 9 Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, 10 Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, 11 cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus". 12 Estaban todos pasmados de admiración e dicíanlles uns a outros: "Que será isto?" 13 Outros facían riso deles e dicían: "Están cheos de viño!" Discurso de Pedro 14 Pero Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles: Xudeus e todos os que habitades en Xerusalén: entendede ben e escoitade as miñas palabras. 15 Non é que estes estean bebidos, como vós pensades, sendo como son as nove da mañá; 16 senón que isto é o que dixera o profeta Xoel: 17 Acontecerá, nos derradeiros días, di o Señor, que espallarei o meu Espírito sobre toda carne: os vosos fillos e as vosas fillas profetizarán, os vosos mozos terán visións e os vosos vellos terán soños. 18 Neses días espallarei o meu Espírito sobre os meus servidores e servidoras e profetizarán. 19 Farei marabillas, enriba nos ceos, e sinais embaixo na terra: Sangue e lume e bafaradas de fume. 20 O sol converterase en tebras e a lúa en sangue, antes que chegue o día do Señor, grande e glorioso; 21 e todo o que invoque o nome do Señor será salvo. 22 Israelitas, escoitade: fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus ante vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por el entre vós, como vós mesmos sabedes; 23 A este, entregado conforme ó plan establecido e á previsión de Deus, matástelo crucificándoo por man de impíos. 24 Pero Deus resucitouno, librándoo das dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu dominio. 25 Xa David di del: Eu vía decote o Señor diante miña, xa que está á miña dereita, para que eu non vacile; 26 por iso alegrouse o meu corazón e aledouse a miña lingua, e mesmo a miña carne acougará esperanzada; 27 porque non abandonarás a miña alma no sitio dos mortos nin permitirás que o teu santo vexa a corrupción. 28 Déchesme a coñecer camiños de vida, encherasme de gozo coa túa presenza. 29 Irmáns, permitide que vos diga claramente que o patriarca David morreu e enterrárono e o seu sepulcro aínda está hoxe entre nós. 30 Pero, como el era profeta e sabía que Deus lle asegurara con xuramento que un descendente do seu sangue había sentar no seu trono, 31 en visión profética falou da resurrección do Mesías, que nin quedou abandonado entre os mortos nin a súa carne viu a corrupción. 32 A este Xesús resucitouno Deus, cousa da que todos nós somos testemuñas. 33 E agora, engrandecido pola dereita de Deus e recibido do Pai o prometido Espírito Santo, espallouno, que é o que vós vedes e sentides. 34 Porque David non subiu ó ceo, e con todo di: Díxolle o Señor ó meu Señor: senta á miña dereita, 35 Ata que poña os teus inimigos coma estrado para os teus pés. 36 Saiba, logo, con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a quen vós crucificastes. Primeiros bautizos 37 O sentiren isto, quedaron moi impresionados e dixéronlle a Pedro e ós outros apóstolos: Irmáns, que debemos facer? 38 Pedro respondeulles: Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiredes o don do Espírito Santo. 39 Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para todos os que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus. 40 Con moitas outras palabras testificaba e animábaos, dicindo: Salvádevos desta xeración ruín. Vida dos primeiros cristiáns 41 Os que recibiron a súa palabra foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles arredor de tres mil almas. 42 Eran perseverantes en escoitar a ensinanza dos apóstolos, na comuñón da vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. 43 Apoderouse de todos o respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais. 44 Todos os crentes vivían unidos e tiñan todo en común: 45 vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme ás necesidades de cada un. 46 Todos a unha asistían diariamente ó templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón; 47 louvaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo. Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ó grupo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)