Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Feitos 19 - Biblia SEPT


Paulo volve a Éfeso, onde bota dous anos evanxelizando

1 En tanto Apolo estaba en Corinto, Paulo, logo de atravesar o

2 interior do país, chegou a Éfeso. Encontrou alí a algúns discípulos, e preguntoulles: Recibistes o Espírito Santo, cando abrazastes a fe? Eles respondéronlle: Nin sequera sentimos dicir que haxa un Espírito Santo.

3 Díxolles: E logo, que bautismo recibistes? Eles responderon: O bautismo de Xoán.

4 Entón díxolles Paulo: Xoán bautizaba cun bautismo de conversión, dicíndolle ó pobo que cresen no que viña despois del, é dicir, en Xesús.

5 Despois de sentiren isto, bautizáronse no nome do Señor Xesús;

6 e logo que Paulo lles impuxo as mans, veu sobre eles o Espírito Santo e comezaron a falar en linguas estrañas e a profetizar.

7 En total eran uns doce homes.

8 Foi Paulo para a sinagoga e durante tres meses falou abertamente, discutindo e convencendo no tocante ó Reino de Deus.

9 Pero, como algúns estaban endurecidos e non crían e falaban mal do Camiño diante da xente, arredouse deles. Tomando á parte os discípulos, falaba cada día na escola dun tal Tirano.

10 Isto durou dous anos, de xeito que sentiron a palabra do Señor todos os habitantes da Asia, xudeus e gregos.

11 Deus facía milagres extraordinarios polas mans de Paulo;

12 A tal punto que poñéndolles ós enfermos os panos da man ou pezas del que tocaran o corpo, desaparecían deles as enfermidades, e marchaban os malos espíritos.

13 Tamén algúns xudeus, exorcistas ambulantes, probaron a invocar o nome do Señor Xesús sobre os que tiñan os espíritos malos, dicindo: "esconxúrovos polo Xesús que Paulo predica".

14 (Os que isto facían eran sete fillos dun certo Escevas, sumo sacerdote xudeu).

15 Pero o mal espírito respondeulles: "coñezo a Xesús e sei quen é Paulo; pero vós quen sodes?"

16 E o que estaba posuído polo espírito malo botouse a eles dun brinco e fixo deles un pandeiro, de tal xeito, que tiveron que fuxir da casa aquela en coiro e cheos de feridas.

17 Isto soubérono todos os que vivían en Éfeso, xudeus e gregos. Todos tomaron moito respecto e recoñecían a grandeza do nome do Señor Xesús.

18 Moitos dos que creran foron confesar e declarar as súas meiguerías

19 e moitos dos que foran meigos levaban os libros e queimábanos diante de todos. Calcularon que valerían unhas cincuenta mil moedas de prata.

20 Deste xeito medraba e fortalecíase a palabra de Deus.

21 Despois destas cousas, Paulo decidiu ir a Xerusalén, pasando por Macedonia e Acaia, declarando: "despois de estar alí, teño que visitar tamén Roma".

22 Entón mandou a Macedonia dous dos seus axudantes, Timoteo e Erasto, mentres el pasaba algún tempo aínda en Asia.


O Evanxeo choca cos intereses da industria pagá

23 Daquela armouse un gran balbordo por causa do Camiño.

24 O caso foi así: un prateiro chamado Demetrio, que fabricaba reproducións en prata do santuario da deusa Artemisa e que proporcionaban ós artesáns non pouca ganancia,

25 reuniunos con outros da mesma arte e díxolles: Compañeiros, ben sabedes que a nosa prosperidade depende desta industria;

26 pero estades vendo e sentindo que non só en Éfeso senón tamén en case toda a Asia, ese Paulo convenceu a bastante xente, dicíndolles que non son deuses os que se fan coas mans.

27 Isto pon en perigo non só o creto da nosa industria, senón incluso do mesmo templo da gran deusa Artemisa, acabando por desprestixiar a aquela a quen veneran Asia e o mundo enteiro.

28 O sentiren isto, alporizáronse e deron en berrar: Viva a Artemisa dos efesios!

29 Armouse unha algueirada por toda a cidade; a xente botouse en masa cara ó teatro, arrastrando consigo ós macedonios Gaio e mais Aristarco, compañeiros de viaxe de Paulo.

30 Paulo quería presentarse naquela manifestación pero os discípulos non o deixaron,

31 e incluso algúns das autoridades que eran amigos del, mandáronlle aviso de que non aparecese polo teatro.

32 Cadaquén berraba polo seu lado, pois a asemblea estaba revolta e a maioría nin sabía por que se xuntaran.

33 Entón, saíu de entre a xente Alexandro, animado polos xudeus, que, acenando coa man, pediu a palabra para darlle explicacións á xente.

34 Pero cando se decataron de que era xudeu, estiveron berrando todos á xunta case dúas horas: Viva a Artemisa dos efesios!

35 Entón o maxistrado calmou á xente e dixo: Efesios, quen non sabe que a cidade de Éfeso é a garda do templo da grande Artemisa e da súa imaxe baixada do ceo?

36 Sendo isto indiscutible, convén que teñades calma e non fagades as cousas ás toas,

37 porque trouxestes uns homes que non son sacrílegos nin blasfeman da nosa deusa.

38 Polo tanto, se Demetrio e os artesáns que van con el teñen queixa de alguén, xa hai audiencias e procónsules; que preiteen.

39 E, se queredes algunha outra cousa, xa se resolverá na asemblea regulamentaria.

40 Mesmo nos arriscamos a que nos acusen de insurrección polo que pasou hoxe, pois non hai motivo ningún que xustifique semellante rebumbio. En dicindo isto, disolveu a asemblea.

Lean sinn:



Sanasan