Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Feitos 18 - Biblia SEPT


Paulo en Corinto. Problemas cos xudeus

1 Despois disto Paulo deixou Atenas e foise para Corinto.

2 Alí atopou un xudeu chamado Aquila, natural do Ponto, que acababa de chegar de Italia con Priscila, a súa muller, por cousa dun edicto de Claudio, que mandaba que todos os xudeus marchasen de Roma. Xuntouse con eles,

3 e como eran do mesmo oficio, quedou a traballar na casa deles (eran tecedores de lonas).

4 Cada sábado discutía na sinagoga, tratando de convencer a xudeus e a gregos.

5 Cando Silas e Timoteo chegaron de Macedonia, Paulo dedicouse de cheo á palabra, atestando perante os xudeus que Xesús é o Mesías.

6 Pero como eles se lle repoñían xurando, díxolles, sacudindo a roupa: Que o voso sangue veña sobre a vosa cabeza; eu non teño culpa. De agora en diante voume ós pagáns.

7 E marchando de alí, foi á casa dun tal Ticio Xusto, seguidor do xudaísmo, que vivía a carón da sinagoga.

8 Crispo, o xefe da sinagoga, creu no Señor con toda a súa familia, e moitos corintios que escoitaban a Paulo abrazaron a fe e bautizáronse.

9 Unha noite, en visión, díxolle o Señor a Paulo: "non recees, sigue falando e non cales;

10 que eu estou contigo e ninguén arremeterá contra ti, que teño un pobo numeroso nesta cidade".

11 Entón botou alí ano e medio, ensinándolles a palabra de Deus.

12 Sendo Galión procónsul de Acaia, os xudeus todos á xunta foron contra Paulo e levárono diante do tribunal,

13 dicindo: Este home anda a convencer na xente para que dean culto a Deus dun xeito contrario á Lei.

14 Aínda Paulo non abrira a boca e Galión díxolles ós xudeus: Se se tratase dalgunha inxustiza ou delito grave, sería de razón atendervos con paciencia;

15 pero como é cuestión de palabras, de nomes e da vosa Lei, amañádevos vós. Eu non quero ser xuíz desas cousas.

16 E mandounos saír do tribunal.

17 Entón, botaron man de Sóstenes, o xefe da sinagoga, e déronlle unha malleira diante do tribunal, pero Galión non quixo saber nada.


Regreso a Antioquía por Éfeso

18 Paulo aínda botou alí ben días. Despois despediuse dos irmáns e embarcou para Siria en compaña de Priscila e Aquila. En Céncreas rapou a cabeza, porque se ofrecera.

19 Chegaron a Éfeso e alí separáronse. Entrou na sinagoga e discutía cos xudeus;

20 pedíronlle que ficase máis tempo, pero el non quixo,

21 e despediuse dicindo: Hei volver onda vós, se Deus quere. E marchou de Éfeso.

22 Logo de desembarcar en Cesarea, subiu a saudar a Igrexa e baixou a Antioquía.


TERCEIRA VIAXE DE PAULO

23 Pasado algún tempo, marchou e percorreu sucesivamente o país gálata e a Frixia, fortalecendo a todos os discípulos.


Predicación de Apolo en Éfeso e Corinto

24 Chegou a Éfeso un xudeu chamado Apolo, natural de Alexandría, que falaba moi ben e dominaba as Escrituras.

25 Instruírase no camiño do Señor e con espírito afouto predicaba e ensinaba con exactitude no tocante a Xesús, aínda que só coñecía o bautismo de Xoán.

26 Púxose a falar barilmente na sinagoga. Priscila e Áquila, que o sentiran, levárono consigo e expuxéronlle con máis precisión o camiño de Deus.

27 Como el quería ir para Acaia, os irmáns animárono e escribíronlles ós discípulos, para que o acollesen. De chegado, foilles de gran axuda ós que pola graza abrazaran a fe,

28 pois con forza refutaba en público ós xudeus, demostrando polas Escrituras que Xesús era o Mesías.

Lean sinn:



Sanasan