Feitos 15 - Biblia SEPTO CONCILIO DE XERUSALÉN A fe en Xesús e a Lei de Moisés: o problema preséntase en Antioquía 1 Algúns que baixaron desde Xudea ensinaban ós irmáns: "se non vos circuncidades conforme á tradición de Moisés, non vos podedes salvar". 2 Como se orixinou un desacordo e unha disputa non pequena de Paulo e Bernabé contra eles, acordaron que Paulo, Bernabé e algúns outros subisen a Xerusalén a tratar a cuestión cos apóstolos e os responsables. 3 Así que a Igrexa deulles o preciso para a viaxe e eles atravesaron Fenicia e Samaría relatando como se convertían os pagáns e alegrando así a todos os irmáns. O concilio de Xerusalén resolve a cuestión da Lei 4 O chegaren a Xerusalén, recibiunos a Igrexa, os apóstolos e os responsables e eles contaron todo o que Deus levaba feito con eles. 5 Pero erguéronse algúns da seita dos fariseos, que creran, e dicían: Cómpre circuncidalos e mandarlles cumprir a Lei de Moisés. 6 Entón os apóstolos e os responsables xuntáronse para examinaren a cuestión. 7 E, despois de moito discutiren, ergueuse Pedro e díxolles: Irmáns, ben sabedes que desde os primeiros días me escolleu Deus de entre vós, para que os pagáns oísen pola miña boca a palabra da Boa Nova e cresen. 8 E Deus, que coñece os corazóns, testemuñou en favor deles, dándolles o Espírito Santo coma a nós. 9 Non fixo ningunha discriminación entre eles e nós, pois purificou o seu corazón pola fe. 10 Por que, logo, tentades a Deus, querendo cangar no pescozo dos discípulos un xugo que nin nosos pais nin nós fomos quen de aturar? 11 Non; nós cremos que nos salvamos pola graza do Señor Xesús e que eles se salvan igualiño ca nós. 12 Toda a asemblea ficou en silencio e escoitaban como Bernabé e Paulo contaban todos os sinais e prodixios realizados por Deus entre os pagáns por medio deles. 13 Cando calaron, falou Santiago dicindo: Irmáns, escoitádeme: 14 Simeón contou como desde o principio Deus procurou entre os pagáns un pobo para si, 15 e con isto cadran as palabras dos Profetas, conforme está escrito: 16 Logo disto hei volver e reconstruirei a tenda caída de David, reedificarei as súas ruínas e poñereina en pé, 17 para que o resto dos homes busquen o Señor, así como todas as nacións que xa invocan o meu nome: dío o Señor, 18 que deu a coñecer estas cousas desde tempos antigos. 19 Por iso coido que non se debe importunar ós que de entre os pagáns se converten a Deus; 20 chega con escribirlles que se absteñan das contaminacións dos ídolos, das unións deshonestas, das carnes afogadas e do sangue; 21 pois Moisés ten desde tempos antigos predicadores en cada cidade e todos os sábados o lemos nas sinagogas. Resolución do concilio 22 Entón os apóstolos e os responsables de acordo con toda a Igrexa, decidiron elixir algúns de entre eles e mandalos a Antioquía, xunto con Paulo e Bernabé; Xudas, chamado Barsabás, e Silas, homes que destacaban entre os irmáns. 23 E por medio deles mandaron esta carta: "Os irmáns apóstolos e responsables saúdan ós irmáns de orixe pagá, que están en Antioquía, Siria e Cilicia. 24 Somos sabedores de que algúns, saídos de aquí e a quen non demos mandato ningún, andan por aí desacougándovos coas súas palabras; 25 decidimos escoller uns delegados e mandárvolos, xunto cos nosos benqueridos Bernabé e Saulo, 26 que teñen dedicado a súa vida á causa de noso Señor Xesús Cristo; 27 mandámosvos, logo, a Xudas e Silas, que vos dirán de palabra as mesmas cousas. 28 Porque decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non impoñervos máis cargas cás precisas: 29 Absterse de carnes ofrecidas ós ídolos, do sangue, de animais afogados e da unión deshonesta; faredes ben en gardarvos destas cousas. Saúde". 30 Déronlles o encargo e baixaron a Antioquía, onde reuniron a xente e entregaron a carta; 31 ó que a leron, alegráronse con aquel consolo. 32 Xudas e Silas, que eran profetas, con moitas palabras animaban e fortalecían a fe dos irmáns. 33-34 O cabo dun tempo, os irmáns déronlles a paz de despedida, pois volvían onda quen os mandaron. 35 Paulo e Bernabé quedaron en Antioquía, ensinando e predicando con moitos outros a palabra do Señor. EXPANSIÓN DA IGREXA POLO MUNDO GREGO SEGUNDA VIAXE DE PAULO Separación de Paulo e Bernabé. Segunda viaxe misioneira 36 De alí a uns días, díxolle Paulo a Bernabé: Volvamos visitar os irmáns en todas as cidades nas que anunciamos a palabra do Señor, para vermos como lles vai. 37 Bernabé quería levar tamén a Xoán, o chamado Marcos; 38 pero Paulo coidaba que non o debían levar, porque se separara deles na Panfilia e non participara no traballo. 39 Alporizáronse a tal punto, que se apartaron un do outro: Bernabé colleu a Marcos con el, e embarcou para Chipre; 40 Paulo, pola súa banda, escolleu a Silas e, encomendado polos irmáns á graza do Señor, marchou 41 Atravesando Siria e Cilicia e animando as comunidades. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)