Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Feitos 13 - Biblia SEPT


PRIMEIRA VIAXE DE PAULO O Espírito e a Igrexa de Antioquía mandan a Bernabé e Paulo á primeira viaxe misioneira

1 Había na Igrexa de Antioquía profetas e mestres: Bernabé, Simeón chamado Níxer, Lucio de Cirene, Menahén compañeiro de infancia do tetrarca Herodes, e Saulo.

2 Estando nunha reunión litúrxica con xaxún, dixo o Espírito Santo: Apartade a Bernabé e Saulo para a obra á que os teño chamados.

3 Entón, logo de xaxuaren e oraren, impuxéronlles as mans e despedíronos.


En Chipre. O meigo e a conversión do procónsul

4 Por tanto, mandados polo Espírito Santo, baixaron a Seleucia e desde alí embarcaron para Chipre.

5 Chegados a Salamina, comezaron a anunciar a palabra de Deus nas sinagogas dos xudeus, levando a Xoán de axudante.

6 Despois de atravesaren toda a illa ata Pafos atoparon alí un xudeu, meigo e falso profeta, chamado Barxesús,

7 que estaba co procónsul Serxio Paulo, home prudente. Este mandou chamar a Bernabé e Saulo, arelando escoitar a palabra de Deus.

8 Pero Elimas, "o meigo" (que así se traduce o seu nome), opúxoselles, procurando arredar da fe ó procónsul.

9 Entón Saulo, tamén chamado Paulo, cheo do Espírito Santo, fixando nel os seus ollos,

10 exclamou: Estás cheo de andrómenas e de ruindade, fillo do demo, inimigo de todo o bo; non deixarás de torcer os camiños rectos do Señor?

11 Pois agora vai vir sobre ti a man do Señor; ficarás cego, e non verás a luz do sol por algún tempo. E no instante caeron enriba del a escuridade e as tebras e, tentando ó arredor, buscaba quen o guiase pola man.

12 Entón o procónsul, vendo o sucedido, abrazou a fe, impresionado pola doutrina do Señor.

13 Paulo e os seus compañeiros embarcaron en Pafos, e dirixíronse a Perxe de Panfilia. Pero Xoán deixounos e deu volta para Xerusalén.


A predicación de Paulo ós xudeus en Antioquía de Pisidia

14 Eles, desde Perxe, seguiron a Antioquía de Pisidia. Un día de sábado entraron na sinagoga e sentáronse.

15 Despois da lectura da Lei e dos Profetas, os xefes da sinagoga mandáronlles dicir: Irmáns, se tedes algunha palabra para animar o pobo, falade.

16 Paulo entón, levantándose, acenoulles coa man e dixo: Israelitas e os que seguides ó noso Deus, escoitade:

17 o Deus deste pobo de Israel escolleu a nosos pais e engrandeceu este pobo durante o seu exilio na terra de Exipto; despois tirounos de alí coa forza do seu brazo.

18 Durante corenta anos soportounos no deserto,

19 e, despois de destruír sete nacións na terra de Canaán, deulles en posesión a súa terra:

20 isto durou uns catrocentos cincuenta anos. Despois diso deulles xuíces ata o profeta Samuel;

21 logo pediron un rei e Deus deulles durante corenta anos a Xaúl, fillo de Quix, da tribo de Benxamín;

22 despois que o refugou, deulles por rei a David de quen testemuñou dicindo: Atopei a David, fillo de Iexé, home conforme o meu corazón, que fará en todo a miña vontade.

23 Da súa descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel: Xesús.

24 Antes da súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de conversión,

25 e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: "non son eu quen vós pensades; pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de desatarlle o calzado dos pés".

26 Irmáns, descendentes de Abraham e os que seguides ó noso Deus: é a nós a quen se nos manda esta mensaxe de salvación.

27 É certo que os veciños de Xerusalén e os seus gobernantes descoñeceron a Xesús e, condenándoo, cumpriron as palabras dos profetas, que se len todos os sábados.

28 Aínda que non atoparon nel nada que merecese a morte, pedíronlle a Pilato que o mandase matar.

29 E, cando cumpriron todo o que acerca del estaba escrito, baixárono do madeiro e puxérono nun sepulcro.

30 Pero Deus resucitouno de entre os mortos;

31 e durante moitos días apareceuse ós que subiran con El de Galilea para Xerusalén, que son agora as súas testemuñas diante do pobo.

32 E nós anunciámosvos a boa nova de que a promesa feita ós nosos pais

33 A cumpriu en nós, os seus fillos, resucitando a Xesús, conforme estaba escrito no salmo segundo: Ti es o meu Fillo: eu xereite hoxe.

34 E que o resucitou de entre os mortos, para non volver nunca mais á morte, díxoo así: Heivos conceder os beneficios asegurados a David.

35 Por iso di noutra pasaxe: Non permitirás que o teu Santo experimente a corrupción.

36 Ora ben, David, logo de cumprir no seu tempo o plan de Deus, morreu, xuntouse cos seus pais e experimentou a corrupción,

37 mentres que aquel que Deus resucitou non coñeceu corrupción ningunha.

38 Sabede, logo, irmáns, que por medio del se vos anuncia o perdón dos pecados, e que de todo aquilo do que vós non vos puidestes xustificar mediante a Lei de Moisés,

39 pode, mediante El, xustificarse todo o que cre.

40 Moito coidadiño de que non vos pase o que din os Profetas:

41 Mirade, os escépticos, para que vos pasmedes e caledes, vou facer nos vosos días tal obra, que, se vola contan, non a credes!

42 O saíren, pedíanlles que para o outro sábado lles seguisen falando do mesmo asunto.

43 Cando se desfixo a asemblea, moitos xudeus e prosélitos practicantes seguiron a Paulo e Bernabé, que, falando con eles, os animaban a perseverar na graza de Deus.


Paulo e Bernabé deixan os xudeus, e diríxense ós pagáns de Antioquía. Problemas

44 Para o outro sábado xuntouse case toda a cidade para escoitar a palabra de Deus,

45 pero os xudeus enchéronse de envexa, ó veren tanta xente, e opoñíanse cos insultos ó que Paulo dicía.

46 Entón Paulo e Bernabé dixeron ousadamente: Tiñamos que anunciarvos a palabra de Deus primeiro a vós; pero, visto que a refugades e non vos considerades dignos da vida eterna, volvémonos cara ós pagáns;

47 pois así nolo mandou o Señor: Púxente como luz das nacións, para levares a salvación ata os confíns da terra.

48 Os pagáns, sentindo isto, enchíanse de alegría, loando a mensaxe do Señor; e creron todos os que estaban destinados á vida eterna.

49 Deste xeito a palabra de Deus espallábase por toda a bisbarra.

50 Pero os xudeus encirraron ás señoras de alta categoría que eran devotas e ós principais da cidade e promoveron unha persecución contra Paulo e Bernabé, expulsándoos do seu territorio.

51 Estes, sacudindo contra eles o po dos seus pés, marcharon para Iconio,

52 mentres os discípulos ficaban cheos de alegría e do Espírito Santo.

Lean sinn:



Sanasan