Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Feitos 12 - Biblia SEPT


Herodes persegue a Igrexa. Martirio de Santiago. Prisión e liberación de Pedro

1 Por ese tempo o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar.

2 Mandou matar coa espada a Santiago, o irmán de Xoán,

3 e, vendo que iso lles agradaba ós xudeus, mandou prender tamén a Pedro. Era a semana da Pascua.

4 Prendeuno, logo, e meteuno na cadea, gardándoo con catro piquetes de catro soldados cada un. Quería presentalo diante do pobo despois da Pascua.

5 Mentres Pedro estaba retido no cárcere, a Igrexa rezaba intensamente a Deus por el.

6 A noite antes de que Herodes o presentase diante do pobo, estaba Pedro durmindo entre dous soldados, ligado con dúas cadeas, e unhas sentinelas facían a garda diante da porta da prisión.

7 De súpeto, presentouse o anxo do Señor, e unha luz resplandeceu na cela; e, tocándolle no costado, espertou a Pedro e díxolle: Érguete correndo! E caéronlle as cadeas das mans.

8 Entón díxolle o anxo: Pon o cinto e calza as sandalias. E así o fixo. Despois díxolle: Bota o manto por riba e sígueme.

9 Pedro saíu e seguiuno, sen se dar conta que era realidade o que se facía por medio do anxo, pois coidaba que era unha visión.

10 Atravesaron a primeira garda e logo a segunda, e chegaron á porta de ferro que daba á cidade e abriuse ela soa. E ó saíren á rúa, logo o deixou o anxo.

11 Entón Pedro, volvendo en si, dixo: "agora realmente vexo que o Señor mandou o seu anxo, para me librar das mans de Herodes e de todo o que esperaba o pobo xudeu".

12 E xa con todo o acordo, dirixiuse á casa de María, a nai do Xoán, chamado Marcos, onde había moita xente reunida rezando.

13 Petou na porta da entrada e unha criada, chamada Rode, foi ver quen era.

14 Recoñeceu a voz de Pedro e deulle tal alegría, que, se había de abrir o portal, correu a avisar que Pedro estaba na porta.

15 "Estás tola!", dixéronlle. Mais ela aseguraba que era certo. Os outros dicían: "será o seu anxo".

16 Pedro seguía petando. Entón abriron, e ó velo, ficaron pasmados.

17 Acenoulles coa man para que calasen e contoulles como o Señor o librara da prisión e díxolles: Mandádelle recado a Santiago e ós irmáns. E liscou de alí para outro sitio,

18 O abrir o día armouse un bo rebumbio entre os soldados, preguntándose que sería de Pedro.

19 Cando Herodes mandou por el e non o encontraron, interrogou ós gardas e mandounos executar. Despois baixou de Xudea a Cesarea e quedou alí.


Morte de Herodes Agripa I

20 Herodes estaba aborrecido cos de Tiro e Sidón. Estes presentáronselle en comisión e, logo de gañaren para a causa deles a un tal Blasto, xefe da casa do rei, solicitaron a paz, pois o seu país dependía economicamente do territorio do rei.

21 No día sinalado, Herodes, revestido co manto real e sentado na tribuna, dirixiulles un discurso.

22 O pobo berraba: "é a voz dun deus, non a dun home!"

23 E no intre feriuno o anxo do Señor por non ter dado gloria a Deus. Morreu comesto dos vermes.


Bernabé e Saulo volven para Antioquía

24 A palabra de Deus medraba e multiplicábase.

25 Bernabé e Saulo, cumprida a súa misión en Xerusalén, volvéronse levando con eles a Xoán, de sobrenome Marcos.

Lean sinn:



Sanasan