Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Feitos 11 - Biblia SEPT


A Igrexa de Xerusalén vence as súas reservas e acepta os pagáns conversos

1 Os apóstolos e os irmáns da Xudea sentiron dicir que tamén os pagáns recibiran a palabra de Deus.

2 Cando Pedro subiu a Xerusalén, os da circuncisión botábanlle na cara:

3 Ti fuches á casa de incircuncisos e comiches con eles!

4 Entón Pedro explicóullelo punto por punto.

5 Estaba eu na cidade de Iope, orando, cando tiven en éxtase unha visión: era un obxecto talmente coma un gran lenzo, que baixaba do ceo pendurado polas catro puntas e chegou onda min.

6 Mirando para el e observando con atención, vin os cuadrúpedes da terra, as feras, os réptiles e os paxaros do ceo;

7 e sentín unha voz que me dicía: "Érguete, Pedro, mata e come".

8 Pero eu dixen: "De ningunha maneira, Señor, porque nunca levei á boca nada profano ou impuro".

9 Por segunda vez sentín a voz do ceo: "O que Deus purificou, non o chames ti profano".

10 Isto pasou tres veces, e despois retirouse todo para o ceo.

11 E, fixádevos, nisto preséntanse na casa onde estabamos tres homes que mandaran desde Cesarea en busca miña.

12 Díxome entón o Espírito que fose con eles sen reparos. Viñeron tamén comigo estes seis irmáns, e entramos na casa do home,

13 que nos contou como vira ó anxo presentárselle na súa casa e dicir: "manda alguén a Iope a por Simón, chamado Pedro;

14 el hache dicir palabras polas que te salvarás ti e todos os da túa casa".

15 E cando comezaba eu a falar, veu o Espírito Santo sobre eles talmente como veu sobre nós ó comezo.

16 Lembrei entón as palabras do Señor, cando dicía: "Xoán bautizou con auga, pero vos bautizarédesvos co Espírito Santo".

17 E pois, se Deus lles concedeu o mesmo don ca a nós, por creren no Señor Xesús Cristo, quen era eu para me opoñer a Deus?

18 O sentiren isto, acougaron e glorificaron a Deus, comentando; "De xeito que Deus tamén concedeu ós pagáns o arrepentimento, para acadaren a vida!".


EXPANSIÓN DA IGREXA FÓRA DE PALESTINA Antioquía, primeira Igrexa de pagáns conversos. Unión coa Igrexa de Xerusalén

19 Os que se dispersaran fuxindo da persecución orixinada por cousa de Estevo, chegaron ata a Fenicia, Chipre e Antioquía, sen predicaren a ninguén a palabra, agás ós xudeus.

20 Con todo, houbo algúns de entre eles, homes de Chipre e de Cirene, que chegados a Antioquía comezaron a falar tamén cos gregos, anunciándolles a Boa Nova do Señor Xesús.

21 A man do Señor estaba con eles e moitos creron e convertéronse ó Señor.

22 Chegaran estas novas ós oídos da Igrexa de Xerusalén, e mandaron a Antioquía a Bernabé.

23 Cando chegou e viu a graza de Deus, encheuse de alegría e animaba a todos a se conservaren unidos ó Señor co corazón firme,

24 pois era un home bo, cheo de Espírito Santo e de fe. E foi moita a xente que se uniu ó Señor.

25 Daquela, Bernabé foi a Tarso en busca de Saulo

26 e, cando o atopou, levouno para Antioquía. Durante un ano enteiro estiveron xuntos naquela Igrexa, adoutrinando a moita xente. Foi en Antioquía onde por primeira vez ós discípulos lles chamaron "cristiáns".

27 Por aqueles días baixaron a Antioquía uns profetas de Xerusalén.

28 Un deles, chamado Agabo, ergueuse e, movido polo Espírito, anunciou que ía haber unha gran fame por toda a terra (foi a que houbo no tempo de Claudio).

29 Os discípulos ordenaron de mandar un auxilio ós irmáns de Xudea, cadaquén conforme ós seus posibles.

30 E así o fixeron mandándollelo ós responsables pola man de Bernabé e de Saulo.

Lean sinn:



Sanasan