Feitos 10 - Biblia SEPTO Espírito abre as portas da Igrexa ós pagáns: conversión de Cornelio 1 Había en Cesarea un home chamado Cornelio, capitán da compañía chamada italiana. 2 Era piadoso e seguidor da relixión xudía, así como todos os da súa casa. Dáballe moitas esmolas ó pobo e decote oraba a Deus. 3 A iso das tres da tarde, tivo unha visión e viu claramente o anxo do Señor entrar cabo del e dicirlle: Cornelio! 4 Cheo de medo, e mirando fixo para el, respondeu: Que é, Señor? O anxo respondeulle: As túas oracións e as túas esmolas subiron diante de Deus e tenas presentes; 5 manda, logo, uns homes a Iope e manda chamar por un certo Simón, tamén chamado Pedro. 6 Está parando en cas dun tal Simón, curtidor, que ten a casa á beira do mar. 7 Cando marchou o anxo, chamou a dous criados e un soldado piadoso dos que lle eran máis fieis, 8 contoulles todo e mandounos a Iope. 9 Para o outro día, indo eles de camiño e xa cerca da cidade, subiu Pedro á azotea a orar. Era polo mediodía, 10 e sentindo fame quixo tomar algo. Mentres llo preparaban, tivo unha éxtase: 11 viu o ceo aberto e como un gran lenzo, que, pendurado polas catro puntas, baixaba cara á terra. 12 Había nel toda clase de cuadrúpedes e réptiles da terra e de todos os paxaros do ceo. 13 Unha voz díxolle: Érguete, Pedro, mata e come! 14 Mais Pedro respondeu: De ningunha maneira, Señor, porque nunca comín cousa impura ou profana. 15 De novo, por segunda vez, chegoulle unha voz: O que Deus purificou non o chames ti profano. 16 Isto sucedeu por tres veces, e, de súpeto, aquel obxecto volveuse para o ceo. 17 Estaba Pedro moi sorprendido cavilando que quería dicir aquela visión que tivera, cando os homes mandados por Cornelio, ó acertaren coa casa de Simón, presentáronse na porta 18 e, dando un berro, preguntaron se paraba alí Simón, o chamado Pedro. 19 Estando Pedro matinando na visión, díxolle o Espírito: Hai aí uns homes que te buscan; 20 baixa e vaite con eles sen escrúpulos, porque os mandei eu. 21 Pedro baixou ó encontro deles e díxolles: Son eu o que buscades, que é o que vos trae? 22 Eles responderon: O capitán Cornelio, home cabal e adepto ó xudaísmo, moi estimado por toda a nación xudía, recibiu aviso dun santo anxo para que te mandase chamar á súa casa e que te escoitase. 23 Entón Pedro fíxoos entrar e deulles pousada. Para o outro día levantouse e marchou con eles, acompañado por algúns irmáns de Iope, 24 e chegou a Cesarea ó outro día. Cornelio, que xuntara os seus parentes e amigos máis íntimos, xa os estaba agardando. 25 Cando Pedro ía entrar, foi Cornelio á porta e botándoselle os pés, prostrouse. 26 Pero Pedro levantouno, dicíndolle: Érguete, que eu tamén son un home. 27 E, falando con el, entrou. Encontrou moita xente xunta 28 e díxolles: Vós sabedes que non se lle permite a un xudeu ter trato cun estranxeiro ou entrar na súa casa; pero Deus ensinoume que non se debe chamar profano ou impuro a home ningún. 29 Por iso, ó me chamardes, vin sen reparos. E pregúntovos, logo: "por que me mandastes chamar?". 30 Respondeulle Cornelio: Hai catro días, ás tres da tarde, estaba eu rezando na miña casa, cando se presentou un home con vestiduras brancas que relucían 31 e dixo: "Cornelio, a túa oración escoitouse, e as túas esmolas recórdanse diante de Deus; 32 manda, logo, uns homes a Iope, e manda buscar un tal Simón, tamén chamado Pedro, que para en cas Simón o curtidor, a rentes do mar". 33 Mandeiche recado de contado e tiveches a amabilidade de vir. Agora, todos nós estamos na presenza de Deus para oírmos todo o que o Señor che mandou. 34 Tomou entón Pedro a palabra e dixo: Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, 35 senón que acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa. 36 El mandoulles -la súa palabra ós fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos. 37 Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: 38 como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. 39 E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro. 40 A este resucitouno Deus ó terceiro día e concedeulle que se deixase ver, 41 non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós que comemos e bebemos con el, logo de que resucitou de entre os mortos. 42 E mandounos que predicásemos ó pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos. 43 El é de quen todos os profetas dan este testemuño: todos os que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados. 44 Aínda Pedro estaba a dicir estas cousas, cando o Espírito Santo veu sobre todos os que escoitaban a palabra. 45 Todos os crentes da circuncisión, que viñeran con Pedro, ficaron cheos de asombro, ó veren que o don de Espírito Santo tamén se espallaba sobre os pagáns, 46 pois sentíanos falar en linguas e loar a Deus. Entón Pedro dixo: 47 Pode alguén negarlle a auga do bautismo ós que recibiron o Espírito Santo o mesmo ca nós? 48 E mandou que os bautizasen no nome de Xesús Cristo. Entón pedíronlle que quedase con eles algúns días. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)