Feitos 1 - Biblia SEPTPrólogo 1 O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, 2 Ata o día que foi levado ó ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo ós apóstolos que escollera. Aparicións de Xesús resucitado e a súa ascensión 3 Os mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ó Reino de Deus. 4 E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: 5 porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días. 6 Os que estaban reunidos preguntábanlle: Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel? 7 El respondeulles: Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. 8 Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra. 9 En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. 10 E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, 11 que dixeron: Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir. A Igrexa en Xerusalén 12 Entón volveron para Xerusalén desde o chamado Monte das Oliveiras, que está cerca de Xerusalén: distante o camiño que se pode facer en sábado. 13 Logo que chegaron, subiron ó cuarto de arriba, onde residían Pedro, Xoán, Santiago, Andrés, Filipe, Tomé, Bartolomeu, Mateu, Santiago o de Alfeo, Simón o Zelota e Xudas o de Santiago. 14 E todos eles dedicábanse conxuntamente á oración, con algunhas mulleres e mais María a nai de Xesús e cos seus irmáns. Elección de Matías para o lugar de Xudas 15 Por aqueles días, Pedro, erguéndose en medio dos irmáns (había alí un grupo de xente de case cento vinte persoas), dixo: 16 Irmáns, conviña que se cumprise a Escritura, onde por boca de David falou o Espírito Santo acerca de Xudas, que se fixo guía dos que prenderon a Xesús; 17 el, que foi un de nós e recibira parte neste servizo. 18 E velaí que comprou unha leira coa paga do crime, caeu de cabeza e, rebentando polo medio, saíronlle para fóra as entrañas. 19 A cousa foi coñecida por todos os de Xerusalén, a tal xeito que a aquela leira quedoulle o nome (na súa lingua) de haqueldamá, que quere dicir "leira de sangue". 20 Porque está escrito no libro do Salmos: que fiquen a campo os seus bens e que non haxa quen os habite; e tamén que outro reciba o seu cargo. 21 E, pois, cómpre que dos homes que nos acompañaron todo o tempo que o Señor Xesús estivo connosco, 22 comezando desde o bautismo de Xoán ata o día en que foi levado de entre nós, un deles sexa connosco testemuña da súa resurrección. 23 E presentaron dous: Xosé, o chamado Barsabás e por sobrenome o Xusto, e mais Matías. 24 Daquela oraron así: "Ti, Señor, que coñeces os corazóns de todos, amosa cal destes dous escolliches 25 para ocupar neste servizo do apostolado o lugar que Xudas deixou para ir ó sitio que lle correspondía". 26 Sortearon e correspondeulle a Matías, que formou grupo cos Once apóstolos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)