Ezequiel 9 - Biblia SEPTVisión do anuncio de castigo contra Xerusalén 1 Unha gran voz resoa nos meus oídos, dicindo: Xa chegan os verdugos da cidade, cada un ten na propia man a súa arma de destrución. 2 Velaí seis homes que entran polo camiño da porta de arriba, que dá ó norte, cada un ten na propia man a súa arma de esmagar. No medio deles, un home vestido de liño, co tinteiro de escribán á súa cintura. Entraron e puxéronse de pé ó lado do altar de bronce. 3 Entón a gloria do Deus de Israel levantouse de enriba dos querubíns, sobre os que estaba, camiño da soleira do templo, e chamou ó home vestido de liño, que tiña na cintura o tinteiro de escribán, 4 e díxolle o Señor: Atravesa a cidade, cruza Xerusalén e pon unha marca na fronte dos homes que fan dó e suspiran por causa de todas as abominacións que se cometen no medio dela. 5 E ós outros díxolles ós meus oídos: Percorrede a cidade detrás del e dade golpes, que o voso rostro non se apiade, nin teñades compaixón. 6 Os vellos, ós mozos e mozas, ós meniños e ás mulleres, matádeos ata o exterminio; pero non vos arrimedes a ningún home que leve a marca. Comezade polo meu santuario. E eles comezaron cos homes vellos que estaban diante do templo. 7 Seguiulles dicindo: —Profanade o templo, enchede os adros de cadáveres, e saíde. Eles saíron a matar pola cidade. 8 Resultou que cando eles mataban, quedei eu só con vida. Entón caín rostro en terra e berrei deste xeito: —Ai, meu Señor Iavé! Vas ti acabar con todo o resto de Israel, lanzando a túa ira contra Xerusalén? 9 Respondeume: —A iniquidade da Casa de Israel e de Xudá é grande, grande abondo; o país está cheo de sangue e a cidade está chea de inxustiza; pois din: "O Señor abandonou o país, o Señor xa non ve". 10 Pero, pola miña parte, o meu rostro non se apiadará, nin terei compaixón; o comportamento deles volvereino sobre a súa cabeza. 11 E o home vestido de liño, que tiña o tinteiro na cintura, deu contas nestes termos: Fíxeno tal como ti me mandaches. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)