Ezequiel 8 - Biblia SEPTRESPOSTA DE EZEQUIEL Á CUESTIÓN DE QUEN É O VERDADEIRO ISRAEL Visión da idolatría no templo de Xerusalén 1 No ano sexto, no mes sexto, o cinco deste mes, estando eu sentado na miña casa e estando sentados os anciáns de Xudá diante de min, caeu alí sobre min a man do Señor, Iavé. 2 Entón tiven unha visión: e velaí unha forma, coma o aspecto dun home: desde o que parecía a súa cintura para abaixo, era lume; e desde a súa cintura para arriba tiña coma o aspecto do fulgor, coma o brillo do electro. 3 Alongou unha especie de man e colleume polas guedellas da cabeza; entón o Espírito levantoume entre a terra e o ceo, e en visións divinas levoume a Xerusalén, á entrada da porta interior, que dá ó norte, onde está o sitio da imaxe dos celos, a imaxe do creador. 4 E alí estaba a gloria do Deus de Israel, semellante á visión que eu tivera na chaira. 5 Entón díxome: Fillo de Adam, levanta os teus ollos, en dirección ó norte. Eu levantei os meus ollos en dirección ó norte, e velaí que ó norte da porta do altar estaba a imaxe dos celos, a que estaba na entrada. 6 Logo engadiu: Fillo de Adam, non estás a ollar o que eles fan: as grandes abominacións que comete aquí a casa de Israel ó apartarse do meu santuario? Aínda volverás ver abominacións maiores. 7 Logo levoume á porta do adro; ollei, e vin unha físgoa na parede. 8 Díxome: Fillo de Adam, fai que a físgoa se abra no muro. Eu fixen que a físgoa se abrise no muro, e había unha abertura. 9 Logo díxome: Entra e olla as perversas abominacións que eles están facendo aquí. 10 Entrei e ollei, e vin todo xeito de réptiles e animais, as abominacións e todos os ídolos da casa de Israel esculpidos sobre o muro ó arredor. 11 E alí, tamén ó arredor, setenta homes dos anciáns da Casa de Israel, con Iezanías, fillo de Xafán no medio deles; estaban de pé cara ás imaxes; cada un tiña o seu incensario na man e o perfume da nube de incenso subía. 12 Díxome: Non ves, fillo de Adam, o que están a facer os anciáns da Casa de Israel na escuridade, cada un no camarín da súa imaxe? Oe o que están a dicir: "O Señor non é capaz de nos ver, o Señor abandonou o país". 13 E seguiume dicindo: Aínda volverás a ver as abominacións máis grandes que eles fan. 14 Entón levoume á entrada da porta do templo do Señor que dá ó norte, e vin as mulleres sentadas chorando por Tamuz. 15 Díxome: Non ves, fillo de Adam? Aínda volverás ver abominacións máis grandes ca estas. 16 Entón levoume ó adro interior do templo do Señor, e vin na porta do templo do Señor, entre a entrada e mais o altar, coma uns vinte e cinco homes, de costas para o templo do Señor e coa cara para o nacente: eles estaban prostrados cara ó nacente adorando o sol. 17 Díxome: Víchelo, fillo de Adam? Parécelle pouco á Casa de Xudá cometer as abominacións que está a cometer aquí, que enche o país de violencia e volve enfadarme! Velaí que envían tropa forzuda, a súa forza irada! 18 Pois eu tamén obrarei con carraxe, nin o meu rostro terá compaixón deles, nin os perdoarei; clamarán a grandes berros ós meus oídos, pero eu non os escoitarei. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)