Ezequiel 6 - Biblia SEPTA devastación dos montes idolátricos levará ó recoñecemento do Señor 1 Veume a palabra do Señor nestes termos: 2 Fillo de Adam, dirixe o teu rostro cara ás montañas de Israel e profetiza contra elas. 3 Dilles: Montañas de Israel, escoitade a palabra do Señor, Iavé! Así lles fala o Señor Deus ás montañas e ós outeiros, ós regueiros e ás veigas: Velaquí que eu mando a espada contra vós e destruirei os santuarios dos vosos outeiros; 4 serán arrasados os vosos altares de sacrificios, esnaquizados os vosos altares de queimar incenso, e farei que caian os vosos mortos diante dos vosos ídolos. 5 Poñerei os cadáveres dos fillos de Israel diante dos seus altares. Esparexerei os vosos ósos ó arredor dos vosos altares. 6 En todas as vosas bisbarras as cidades quedarán devastadas, e os santuarios dos vosos outeiros quedarán destruídos, de xeito que os vosos altares de sacrificio queden arrasados, esnaquizados os vosos ídolos, desfeitos os vosos altares para queimar incenso e desaparezan os que son obra vosa. 7 No medio voso caerán mortos os homes e vós recoñeceredes que eu son Iavé. 8 Cando de vós non queden máis cós que escaparon da espada por entre as nacións, eu manterei un resto; cando vos vexades esparexidos por entre os países, 9 os que de vós escaparon lembraranse de min nas nacións onde sexan deportados, pois eu farei que se rompa o seu corazón prostituído que se apartou de min, e os seus ollos prostituídos que se foron tralos ídolos; sentirán nas súas caras a vergonza polas maldades que cometeron, por todas as súas abominacións. 10 Entón recoñecerán que eu son o Señor, non en van lles dixen que lles causaría tal desgraza. 11 Así fala o Señor, Iavé: Bate as túas palmas, patea cos teus pés e di: Ai de todas as malignas abominacións da casa de Israel! Por fin! A casa de Israel caerá pola espada, de fame e mais de peste. 12 Os que están lonxe morrerán de peste, os que están cerca caerán pola espada, os que queden asediados morrerán de fame: eu chegarei ó colmo da miña ira contra eles. 13 Coñeceredes que eu son o Señor cando os seus mortos estean entre os seus ídolos, ó arredor dos seus altares, sobre todo outeiro elevado, en toda cima de montaña, debaixo de toda árbore frondosa e debaixo de toda aciñeira retorta, lugares onde eles ofrecen recendentes perfumes ós seus ídolos. 14 Estenderei o meu brazo contra eles e converterei esta terra nunha desolación: unha desolación en todas as súas bisbarras desde o deserto ata Diblah. Entón recoñecerán que eu son o Señor. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)