Ezequiel 5 - Biblia SEPTO rapado e afeitado do profeta, sinal da destrución de Xerusalén 1 —E ti, fillo de Adam, colle unha coitela ben afiada, colle unha navalla barbeira, e pásaa pola túa cabeza e máis pola túa barba. Despois colle unha balanza de pesar e distribúe o pelo en partes. 2 Unha terceira parte quéimaa no lume no medio da cidade, cando se acaben os días do asedio; logo colle outro terzo e dálle cortes coa espada todo ó arredor da cidade; e o outro terzo esparéxeo ó vento: certo, eu desenfundarei a espada tras eles. 3 Destes últimos pelos collerás unha pequena cantidade e meteralos ben apertados na dobrez do teu manto; 4 logo volverás coller algúns deles e botaralos no medio do lume e queimaralos nel, e deste lume sairá un incendio para toda a casa de Israel. 5 Isto di o Señor, Iavé: —Esta é Xerusalén! Púxena no medio dos pobos, arredor dela puxen países; 6 pero rebelouse contra as miñas ordes, é máis desleal cós pobos pagáns; rebelouse contra os meus preceptos é máis desleal cós países que hai ó seu arredor. Rexeitaron as miñas ordes, non se comportaron conforme os meus preceptos. 7 Por isto así fala o Señor, Iavé: —Xa que a vosa seguridade proviña das nacións que se atopaban ó arredor voso, non seguistes os meus preceptos, nin cumpristes as miñas ordes, e nin sequera vos comportastes de acordo cos costumes dos pobos que están ó arredor voso. 8 Por isto así fala o Señor, Iavé: —Olla: eu estou contra ti, eu mesmo, para facer en ti xustiza á vista dos pobos. 9 Farei en ti o que nunca fixen, nin volverei facer cousa semellante, por causa de todas as túas abominacións. 10 Pois os pais devorarán os fillos no medio de ti e os fillos devorarán a seus pais; e executarei a sentencia en ti, ó esparexer ós catro ventos o que queda de ti. 11 Pois, pola miña vida é o Señor, Iavé, quen fala, por teres profanado o meu santuario cos teus ídolos e coas túas abominacións, xuro que tamén eu te rexeitarei, e que o meu rostro non terá compaixón de ti e eu tampouco non te perdoarei. 12 Unha terceira parte de ti morrerá pola espada e consumirase de fame no medio de ti; o outro terzo caerá pola espada ó arredor de ti; e ó último terzo esparexereino ós catro ventos e logo desenfundarei a espada tras eles, 13 e a miña ira chegará á fin, desabafarei o meu furor contra eles, e quedarei tranquilo cando o meu furor contra eles chegue á fin: entón daranse conta de que eu son o Señor que falei coa paixón dos meus celos. 14 Pois eu á vista de todos os que pasan convertereite nunha morea de ruínas e nunha vergonza entre todos os pobos que están ó teu arredor, 15 e serás para todos os pobos que están ó teu arredor obxecto de vergonza e de escarnio, de escarmento e horror, cando faga en ti xustiza con ira e furor, con furiosos castigos. Son eu, o Señor, quen o digo. 16 Cando eu lance as fatídicas frechas da fame, vós seredes destruídos por elas, que se converterán no destrutor, pois son eu quen as lanzarei. Aumentareivos a fame e privareivos da abundancia de pan. 17 Mandarei contra vós fame e animais salvaxes: deixarante sen fillos, pois a peste e mais o sangue pasarán por ti, e mandarei a espada contra ti. Eu, o Señor, son quen o di. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)