Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 47 - Biblia SEPT

1 Logo fíxome volver á entrada do templo, e velaí que debaixo do vestíbulo do templo saía auga cara ó nacente, pois a fachada do templo daba ó nacente e a auga baixaba polo lado dereito do templo, ó sur do altar.

2 Logo fíxome saír pola porta do norte e dar a volta polo exterior ata a porta exterior, que mira ó nacente, e velaí que a auga ía correndo pola ladeira dereita.

3 Cando o home saíu cara ó nacente, levaba un cordel na súa man e mediu mil cóbados; logo fíxome atravesar pola auga, que me chegaba ós nocellos.

4 Volveu medir mil cóbados, e fíxome atravesar polas augas, que me chegaban ata os xeonllos; volveu medir mil cóbados, e fíxome atravesar: a auga ata a cintura!

5 Volveu medir mil cóbados: era un río que eu non era capaz de cruzar. Tanto subiran as augas, que eran augas de nadar, un río que non se podía cruzar.

6 Entón díxome: —Viches, fillo de Adam? Logo fíxome dar a volta, e levoume á beira do río.

7 E cando dei a volta, velaí, á beira do río, unha enorme arboredo dun lado e do outro.

8 Entón díxome: —Esta auga está correndo cara á bisbarra do nacente, e baixará sobre a Arabah e entrará no mar Morto; estas augas conducidas cara ó mar, quedarán de certo saneadas.

9 E todo ser vivente, que rebula en calquera lugar onde vai tal río, vivirá; peixes haberaos abondo, pois estas augas chegarán alí e farán revivir todo o lugar: onde desemboque o río haberá vida.

10 E os pescadores estarán de pé á beira do río: desde En—Guedí ata Eneglaim haberá secadoiros para as redes; os seus peixes serán por especies tan abundantes coma os peixes do Mediterráneo.

11 Nas súas marismas e nas súas lagoas non haberá saneamento, senón que se deixarán para ter sal.

12 A beira do río, nunha marxe e noutra, medrará toda clase de árbores froiteiras: a súa follaxe non murchará, e a súa froita non acabará, senón que cada mes dará unha nova colleita, pois as augas do río son as que saen do santuario; por isto a súa froita servirá para comer, e as súas follas servirán para remedios.

13 Así fala o Señor, Deus: —Estas son as marxes, dentro das que vós repartiredes a propiedade da terra entre as doce tribos de Israel: a Xosé tocaranlle dúas partes de terra.

14 Repartiredes a terra, tocándolle a cada un o mesmo có seu irmán, xa que eu xurei coa man levantada, que llela daría ós vosos pais, e por iso esta terra tocaravos a vós en partes de herdanza.

15 Estes son os lindeiros do país: polo lado do norte: desde o mar Mediterráneo, polo camiño de Hetlón, entrando en Sedadah,

16 Hamat, Berotah, Sibraim —entre a marxe de Damasco e a marxe de Hamat—, Haser do medio que está cerca do territorio de Haverán.

17 Así esta fronteira irá desde o mar ata Haser Enón, lindando co territorio de Damasco polo norte, e ó norte tamén o territorio de Hamat. Tal será o lado norte.

18 Velaquí o lado do nacente: medide vós entre Haverán e Damasco, e entre Galaad e a terra de Israel, logo o Xordán será a linde ata o mar do nacente. Tal será o lado do nacente.

19 Velaí o lado do Négueb, cara ó sur: desde Tamar ata o oasis de Meribah de Cadex, na dirección do río e ata o mar Mediterráneo: tal será o lado do sur, na dirección do Négueb.

20 Velaí o lado do poñente: o mar Mediterráneo serve de marxe fronte á entrada de Hamat: este é o lado do poñente.

21 Vós repartirédesvos a terra esta entre as tribos de Israel,

22 pero farédelo botando ás sortes as partes da herdanza para vós e para os estranxeiros que viven entre vós, os que xa tiveron fillos entre vós; serán para vós coma nativos entre os fillos de Israel, e con eles botaredes ás sortes as partes da herdanza no medio das tribos de Israel.

23 Será na tribo na que resida o estranxeiro onde lle daredes a súa parte de herdanza —é o Señor, Deus, quen fala—.

Lean sinn:



Sanasan