Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 44 - Biblia SEPT


A porta do santuario, soamente para o príncipe

1 O home fíxome volver en dirección á porta exterior do santuario que mira ó nacente, e estaba pechada.

2 Entón o Señor díxome: Esta porta seguirá pechada, nunca se abrirá. Ninguén poderá entrar por ela porque o Señor, Deus de Israel, entrou por ela. Seguirá pechada.

3 Pero cando chega un príncipe, se é príncipe, porá o seu trono ante ela para comer a súa comida diante do Señor. Entra polo vestíbulo desta porta e sae polo mesmo sitio.


Normas de admisión no santuario, e os seus responsables

4 Logo fíxome entrar pola porta do norte ata a fachada do templo. Ollei, e velaí que a gloria do Señor enchía o templo do Señor, e entón prostreime en adoración.

5 O Señor díxome: —Fillo de Adam, fixa a túa atención, mira cos teus ollos, escoita cos teus oídos todo o que eu che vou dicir acerca de todos os preceptos do templo do Señor e de todas as súas leis; pon a túa atención na entrada do templo e en todas as saídas do santuario.

6 Dilles ós rebeldes, á Casa de Israel: así fala o meu Señor, Iavé: —Xa hai abondo en contra vosa, con todas as vosas abominacións, Casa de Israel.

7 Pois trouxestes estranxeiros, xentes sen circuncidar nin na carne nin no corazón, para que estivesen no meu santuario, para que profanasen a miña mesma casa; ofrecéstesme a miña comida, graxa e sangue, ó mesmo tempo que rompiades a miña alianza con todas as vosas abominacións.

8 Non observastes os meus preceptos cúlticos, senón que ó voso antollo puxestes no meu santuario oficiantes do servizo cúltico.

9 Así fala o meu Señor, Iavé: —Ningún estranxeiro, home sen circuncidar no corazón e na carne, poderá entrar no meu santuario; si, ningún estranxeiro dos que viven entre os fillos de Israel.

10 Canto ós levitas, que vos apartaron da miña presenza, cando Israel se perdeu, e que se extraviaron da miña presenza índose tralos ídolos, cargarán coa súa iniquidade.

11 Eles serán no meu santuario os encargados da vixilancia fronte ás portas do santuario e os servidores do santuario. Eles mesmos lle matarán ó pobo as vítimas dos holocaustos e dos sacrificios, e eles mesmos estarán de pé diante do pobo para o serviren.

12 Xa que veñen servindo ó pobo no culto ós ídolos e están servindo de ocasión á Casa de Israel para caer no pecado, xuro contra eles coa miña man —é o meu Señor, Iavé, quen fala— que cargarán coa súa iniquidade.

13 Non se poderán achegar a min oficiando coma sacerdotes meus e arrimándose a todas as miñas cousas santas no lugar santísimo, senón que soportarán a súa vergonza e as abominacións que cometeron.

14 Eu fágoos encargados do servizo do templo en todos os oficios do templo e en todo o que se fai nel.


O sacerdocio sadoquita

15 Os sacerdotes levíticos, fillos de Sadoc, que respectaron os preceptos cúlticos do meu santuario, cando os fillos de Israel se afastaban lonxe de min, só eles se achegarán a min para me dar culto, e estarán de pé diante de min para me ofrecer graxa e mais sangue —é o meu Señor, Iavé, quen fala—.

16 Só eles entrarán no meu santuario e só eles se arrimarán á miña mesa para me daren culto, e observarán os meus preceptos cúlticos.

17 Cando entren nas portas do adro interior, han de ir vestidos con vestidos de liño; e cando actúen dentro das portas do adro interior e dentro do templo, non levarán sobre eles roupa de lá.

18 Levarán nas súas cabezas turbantes de liño; e nos cadrís faixas de liño. Non levarán faixa que transpire a suor.

19 Cando eles saian ó adro exterior, onda a xente, mudarán os vestidos cos que oficiaron, e deixaranos nas habitacións do templo; vestiranse con outros vestidos, para non sacralizar o pobo cos seus vestidos.

20 Non raparán a súa cabeza, nin andarán guedelludos; cortarán decentemente o seu cabelo.

21 Ningún sacerdote beberá viño cando vaia entrar no adro interior.

22 Nin viúva nin divorciada poderán coller para eles como muller, senón virxes da liñaxe de Israel; tamén poderán escoller unha viúva, pero viúva dun sacerdote.

23 Han de lle aprender ó meu pobo a diferenza entre o sacro e o profano, e han de lle ensinar a diferenza entre o impuro e o puro.

24 Nos preitos serán eles os xuíces que presidan para xulgar; conforme ó meu dereito é como han de xulgar os preitos. Gardarán as miñas leis e mais os meus preceptos acerca de todas as miñas festas, e santificarán os meus sábados.

25 Non entrarán xunto ó home morto, por mor da impureza; pero poderanse volver impuros co pai ou coa nai, cun fillo ou cunha filla, cun irmán ou cunha irmá que non teña marido.

26 Despois de purificarse este tal, contaránselle sete días,

27 e o día que entre no santuario, no adro interior para oficiar no santuario, ofrecerá un sacrificio de expiación polo seu pecado —é o meu Señor, Iavé, quen fala—.

28 Non terán ningunha propiedade herdada: eu son a súa herdanza. Non se lles dará posesión en Israel: eu son a súa posesión.

29 Eles comerán da ofrenda e das vítimas dos sacrificios polo pecado e das vítimas dos sacrificios de expiación; e todo o que se consagra ó Señor en Israel será para eles.

30 O mellor das primicias de todo, e o mellor das contribucións sobre todo —de todas as vosas contribucións— será para os sacerdotes; tamén lle daredes ó sacerdote o mellor da vosa muiñada, para que a bendición descanse na túa casa.

31 Os sacerdotes non poderán comer carne morta nin ningunha carne escalazada por fera, trátese de paxaro ou de animal.

Lean sinn:



Sanasan