Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 43 - Biblia SEPT


Volta da gloria do Señor ó santuario

1 Entón El levoume cara á porta, a porta que mira en dirección do nacente,

2 e vin que a gloria do Deus de Israel chegaba da parte do nacente, e o seu ruído era como o ruído de augas caudalosas e a cidade resplandecía coa súa gloria.

3 Velaí a visión! A visión que eu vin foi como a visión que tivera cando a gloria de Deus viñera destruír a cidade. Velaí a visión! Fora coma a que tivera xunto ó río Quebar. Entón prostreime en adoración,

4 e a gloria do Señor entrou no santuario pola porta que mira ó nacente.

5 O espírito arrebatoume e fíxome entrar no adro interior, e velaí que a gloria do Señor enchía o templo.

6 Entón oín un que me falaba desde o templo, mentres que o home seguía de pé ó meu lado,

7 e díxome: —Fillo de Adam, aquí tes o lugar do meu trono, velaquí o sitio do estrado dos meus pés, onde eu habitarei entre os fillos de Israel para sempre. Xa non volverán profanar o meu santo Nome nin a Casa de Israel nin os seus reis, coas súas fornicacións e cos cadáveres dos seus reis, e mais cos seus sepulcros.

8 Poñendo eles a súa portada xunto á miña portada e os marcos das súas portas ó lado dos marcos das miñas portas, e mais a parede entre min e eles, profanaron o meu santo Nome coas abominacións que cometeron; por isto os consumín levado do meu noxo.

9 Agora puxeron lonxe de min as súas fornicacións e mais os cadáveres dos seus reis, e por isto eu habitarei entre eles para sempre.

10 Ti, fillo de Adam, descríbelle este santuario á Casa de Israel, e que se avergoncen das súas abominacións. Que midan o plano do templo,

11 e se avergoncen de todo o que fixeron. A organización do santuario e a súa estrutura, as súas entradas e as súas saídas, todas as súas ordenacións e todos os seus preceptos, todas as súas ordenacións e as súas leis, fáillelas coñecer e escríbellelas perante os seus mesmos ollos para que observen todas as ordenacións e todas as leis do santuario e as poñan por obra.

12 Esta é a lei do santuario: na cima do monte, todo terreo que lle corresponde ó santuario, todo arredor, é santísimo. Certo! Esta é a lei do santuario.


Descrición do altar

13 Estas son as medidas do altar en cóbados (este cóbado era dos de cóbado e palmo). Había unha foxa dun cóbado destes e un cóbado de ancho; e a altura do altar na súa beira era dunha cuarta todo arredor: esta era a foxa do altar.

14 Desde o fondo da foxa ata o zócalo máis baixo había dous cóbados, e un cóbado de ancho; e desde o zócalo máis pequeno ata o zócalo máis grande había catro cóbados, e un cóbado de ancho.

15 A sagrada elevación da ara tiña catro cóbados; e do divino fogón saían os catro cornos.

16 O divino fogón tiña doce cóbados de longo por doce cóbados de ancho. Era cadrado polos seus catro lados.

17 O zócalo tiña catorce cóbados de ancho por catorce de longo polos seus catro lados, e o reborde que tiña arredor medía medio cóbado. O zócalo tiña unha foxa dun cóbado todo arredor. As escadas do altar miraban ó nacente.


Consagración do altar

18 Entón díxome: —Fillo de Adam, así fala o Señor: —Estes son os preceptos acerca do altar: Cando se acabe de facer, para poder ofrecer holocaustos nel e verter sangue sobre el,

19 ti haslles presentar ós sacerdotes levíticos, que son da estirpe de Sadoc, e que se achegan a min para me daren culto —é o meu Señor, Iavé, quen fala—, un becerro, fillo de vaca, para sacrificio polos pecados.

20 E ti collerás do seu sangue, e untarás con el os catro cornos do altar e os catro lados, o zócalo e o reborde todo arredor, para facer sobre o altar a expiación e mais a súa propiciación.

21 Collerás o becerro do sacrificio de expiación e queimaralo no lugar do templo axeitado para isto, fóra do santuario.

22 O segundo día presentarás en ofrenda un chibo, sen defecto, e farase a expiación sacrificial o mesmo que se fixo co becerro.

23 Cando acabes co sacrificio de expiación, presentarás a ofrenda dun becerro, fillo de vaca, sen defecto, e mais un carneiro do rabaño, sen defecto:

24 presentaralos en ofrenda ante o Señor, e os sacerdotes botaranlles sal e ofreceranllos en holocausto ó Señor.

25 Durante sete días, cada día farás o sacrificio de expiación co chibo e tamén se fará o sacrificio de expiación co becerro, fillo de vaca, e co carneiro do rabaño, todos eles sen defecto.

26 Durante sete días farase a propiciación do altar e purificarase e consagrarase.

27 O pasaren estes días, o día oitavo e os seguintes, os sacerdotes farán sobre o altar os vosos holocaustos e mais os vosos sacrificios de reconciliación e eu aceptaréivolos benevolamente —é o meu Señor, Iavé, quen fala—.

Lean sinn:



Sanasan